O PP de Lugo reivindica a apertura do auditorio de Magoi

LugoXa
O PP de Lugo di que o novo Auditorio de Magoi, que custou 25 millóns de euros, "languidece entre a maleza sen futuro a curto prazo".
Valado auditorio
23 Maio 2022

O Partido Popular de Lugo protagonizou hoxe un novo acto reivindicativo en torno ao Auditorio de Magoi. Os concelleiros do PP quixeron hoxe lembrar ao Goberno local que o 23 de xuño de 2020 recibiron as chaves destas instalacións culturais. “Un edificio vangardista no que a Xunta investiu 25 millóns de euros e que, pola incapacidade ou falta de interese, segue hoxe pechado”.

Os populares lamentan que “unha vez máis a novidade sexa que non hai novidades para axilizar a posta en marcha desta infraestructura”. Segundo indican os populares, nunha comisión municipal celebrada o pasado venres, o propio Goberno local recoñeceu “que aínda está cos pregos de condicións para sacar a licitación as obras que precisa o inmoble para a súa posta en marcha”.

Os populares amosáronse preocupados polo estado no que o Goberno ten esta infraestructura “que tanto reclamaron, como defensores da cultura e de espacios dignos para Lugo, e que agora que o teñen nas súas mans o deixan abandonado”.

Os populares lamentan, asemade, o “deixamento de funcións” do Goberno local xa que “despois de oito meses seguen sen arranxar o panel de cristal que rachou deste edificio. Outra cuestión na que o PP insiste e en que se retire o valado metálico que está moi deteriorado provocando un aspecto de abandono e de suciedade.

A esta petición, na comisión celebrada o pasado venres, ao parecer, o Goberno respondeu que o valado “tiña unha finalidade disuasoria e que o deixaban para aproveitalo cando se fixesen as futuras obras”.

Dende o PP consideran que “son excusas sen sentido” xa que “na práctica este peche perimetral non serve para nada dado que os veciños do barrio, á vista de que non hai nin un só cartel de prohibido a entrada, e como hai un acceso aberto pola Avenida de Magoi utilizan, de forma habitual, este espazo público como zona de esparcimento”.

0.14930391311646