O PP de Lugo tacha de “inútil” e "anticuado" o sistema de acceso ao casco histórico
O edil popular Enrique Rozas cuestiona o anuncio da posta en marcha do sistema de control de acceso ao casco histórico. “Alvarellos minte cando di que vai funcionar porque non están volcadas as matrículas das persoas autorizadas para que se poida probar e, por riba, a actual localización das 7 cámaras non servirá cando se implanten as Zonas de Baixa Emisión”.
O PP critica que a nova alcaldesa presuma de proxectos “que levan 5 anos en trámite” e que “quedarán anticuados antes de que funcionen”. Segundo a formación política, Alvarellos, como Lara, minte aos veciños cando di que porá en marcha o sistema de acceso ao casco histórico xa que sabe que “parte da infraestrutura que está montada será inútil e quedará anticuada porque hai que compatibilizala coa futura posta en funcionamento coas zonas de baixas emisións que suporá novas localizacións para as cámaras”.
Rozas pon como exemplo que a cámara da rúa do Progreso “tería que situarse no Gran Teatro e o mesmo sucederá con outras como a da rúa Armañá; porta de San Fernando e a de Vispo Odoario”. O popular tamén advirte que, a estas alturas, o Goberno local non ten nin volcados os datos das matrículas dos residentes do recinto amurallado cando “sen a información das matrículas dos coches autorizados non se pode coñecer se o sistema responde axeitadamente xerando as infraccións de xeito automático tal e como figuraba no proxecto”
O PP preguntará se as obras que están facendo agora de peonalización deixan a previsión de canalizacións xa que se hai cambios de localización das cámaras lectoras de matrículas terán que levantar o pavimento recen colocado para meter a nova infraestrutura. “Este proxecto foi adxudicado en xaneiro de 2020 e as obras non comezaron ata outubro dese mesmo ano”.
Acusan ao Concello por “proxectos errados”
Sinalan que en setembro de 2021 anunciouse que ía entrar en funcionamento o novo sistema, en outubro do 2022 informouse de que “xa estaba funcionando cando non era así, e que a día de hoxe segue sen funcionar”, aínda que o prazo de garantía remata no 2025. Este supón “outro exemplo dos proxectos errados do Goberno local de Lugo que malgasta en obras que fracasan e que non son capaces de poñer en marcha por falta de xestión”.
O edil popular explicou que esta non é a única actuación en mobilidade que nunca chegou a funcionar, xa que “o sistema de axuda para aparcamento con sensores instalado no aparcadoiro de edificio administrativo do seminario e en en Rodríguez Mourelo e García Portela, executado con fondos europeos do Smart City, tamén está sen estrear”.
Os sensores que se colocaron en xullo do ano 2020 tiñan por obxecto localizar unhas 200 prazas libres a través dunha aplicación móbil, pero dende se colocaron en xullo de 2020 “non se soubo nada máis sobre este tema”. Por este motivo o Grupo Popular presentará preguntas a comisión para que o Goberno local aclare “se se van poñer en funcionamento en algún momento ou se pola contra o investimento feito non serviu para nada”.