O PP de Lugo urxe ao alcalde a apoiar no pleno as demandas ferroviarias da cidade

LugoXa
Candia e Ameijide acúsano de antepoñer os intereses do PSOE ás necesidades de Lugo e piden “valentía” para defender as infraestruturas que a cidade precisa
Elena-Candia-e-Antonio-Ameijide-PP-Lugo
27 Jun 2025

O Partido Popular volveu cargar contra o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, por rexeitar apoiar as demandas ferroviarias da cidade, tanto no Concello como na Deputación.

Nunha comparecencia conxunta, a voceira municipal, Elena Candia, e o portavoz provincial, Antonio Ameijide, instaron ao rexedor a “rectificar” no pleno previsto para este luns e a respaldar a iniciativa dos populares que reclama melloras urxentes nas conexións por tren da cidade. “Se realmente defende a Lugo, ten que votar a favor das infraestruturas que precisa esta cidade”, aseguraron.

Candia ofreceulle ao alcalde “a man tendida” para que deixe de actuar como “escudeiro do PSOE” e empece a exercer como “alcalde de todos os lucenses”. Criticou que a última xestión do socialista ante o Goberno central supuxo a perda dunha das frecuencias directas con Madrid. “Estamos fartas de promesas baleiras e fotos sen contido real”, advertiu, lembrando que as reunións con altos cargos como o secretario de Estado ou o presidente de Renfe non deixaron máis que compromisos vagos e sen prazos.

Ameijide foi aínda máis contundente ao afirmar que “os socialistas ningunean ao alcalde de Lugo”, o que ao seu xuízo demostra “a súa falta absoluta de peso político”. Reprochoulle tamén a súa falta de coherencia: “di unha cousa na Praza Maior, outra diante dos medios e acaba votando o contrario en San Marcos”, sinalou, reivindicando que el mesmo mantén unha postura firme “en todas as institucións nas que representa aos lucenses”.

O portavoz provincial tamén censurou que Miguel Fernández se sumase tarde ás reivindicacións en materia ferroviaria, malia ser demandas que o PP leva anos formulando. “Non fixo nada para recuperar os máis de mil millóns de euros que Pedro Sánchez retirou do proxecto de chegada da alta velocidade a Lugo que deixara preparado o Goberno do PP en 2018”, denunciou. “Marchou dunha reunión dicindo que todo ía quedar solucionado e regresou sen ningún avance, só cun anuncio de estudo que non garante nada”, criticou.

Desde o PP reclaman “coraxe política” ao alcalde para enfrontarse aos seus compañeiros de partido e antepoñer os intereses de Lugo aos do PSOE. “Debe deixar de dobregarse ante o Goberno de Sánchez, carcomido pola corrupción, e ante o de Tomé, que está roto e en caída libre”, sentenciaron.

⚙ Configurar cookies
0.077334880828857