O PP de Lugo urxe ao Goberno central a retirar o recurso que bloquea o Plan de axilización da dependencia

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A formación defenderá mocións na Deputación e no Concello para protexer políticas sociais que beneficiaron a máis de 12.600 galegos
PP-Lugo-goberno-central
16 Feb 2026

O PP de Lugo anunciou que presentará mocións na Deputación e no Concello da cidade para instar ao Goberno do Estado a retirar de inmediato o recurso de inconstitucionalidade que paraliza parte da Lei galega 5/2024, en particular o Plan de axilización da dependencia e da discapacidade impulsado pola Xunta de Galicia.

Segundo os populares, a decisión do Executivo central supón un freo ás políticas sociais que estaban a dar resposta á cidadanía e que permitiron simplificar trámites administrativos para miles de persoas en situación de dependencia. O plan impulsado pola Xunta posibilitou que máis de 12.600 galegos e galegas visen recoñecido de maneira automática o seu grao de discapacidade, evitando burocracia innecesaria e reducindo tempos de espera.

Para o PP de Lugo é “incomprensible” que o Goberno central recorra medidas que estaban a funcionar, especialmente cando o Estado mantén unha importante débeda en materia de financiamento da dependencia con Galicia, incumprindo o cofinanciamento do 50 % establecido na normativa vixente. Este déficit xera unha débeda que en 2026 alcanzará os 2.900 millóns de euros.

A Xunta demanda o mesmo compromiso que o Executivo de Pedro Sánchez ofrece a outros gobernos autonómicos, como o do País Vasco, co que acordou financiar a dependencia ao 50 %-50 %, xerando na práctica dependentes de primeira e de segunda categoría.

A través desta iniciativa, o PP de Lugo busca que tanto na Deputación como no Concello se manifeste o rexeitamento á paralización destas medidas sociais que estaban a funcionar, así como reclamar respecto polo autogoberno galego e pola capacidade lexislativa da Comunidade Autónoma. A formación tamén reclama que o Goberno de España priorice o benestar das persoas dependentes por riba das disputas competenciais e cumpra coas súas obrigas financeiras neste ámbito.

⚙ Configurar cookies
0.079117059707642