O PP de Pol acusa ao alcalde de “constantes faltas de respecto e incluso de ameazas”

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Nicole Grueira condena esta actitude do alcalde e defende que “os veciños e veciñas de Pol merecemos un alcalde que sexa digno de representar ao noso Concello”
Nicole-Grueira-pp-pol-portada
19 Nov 2024

A voceira do PP, Nicole Grueira, advirte das “constantes faltas de respecto” á oposición por parte do alcalde nos plenos do Concello de Pol e, trala celebración do último pleno extraordinario, condena que “ameace con levar ao Xulgado” por expoñer durante a sesión plenaria “o que recollen os informes de Intervención: que a maneira de actuar do alcalde leva ao límite ao Concello”.

A popular afea que “o alcalde paga cando quere, unhas facturas si e outras non” e engade que “o PP de Pol o que reclama é que o alcalde dea explicacións”, indica Grueira. De feito, preguntaba onde estaban os ordenadores correspondentes a unha factura de máis de 13.500 euros que era o obxecto do debate -xunto á factura de máis de 4.000 euros para a rotulación do autobús-, “pero o rexedor socialista négase continuamente a responder”. É máis, “as súas intervencións nos plenos son continuas faltas de respecto, saídas de ton e outros comportamentos impropios dun alcalde”.

“A total ausencia de orde á hora de intervir nos plenos é un claro exemplo do seu autoritarismo. O alcalde non nos da a quenda de palabra aos grupos da oposición”, segundo sinala a popular.

"Incluso o rexedor de Pol tenta dicir o que teñen que votar os grupos da oposición, tal e como se reflicte na acta do pleno: Responde o Sr. Alcalde, que acabouse o conto, votais en contra, xa está, levanto o pleno. Aquí non me vides a torear por unha merda. Xa está”, explica.

Nicole Grueira condena esta actitude do alcalde e defende que “os veciños e veciñas de Pol merecemos un alcalde que sexa digno de representar ao noso Concello”.

0.3211190700531