O PP de Pol denuncia a "insostible situación económica do Concello e a súa débeda"

Pol
LugoXa | TerraChaXa
“O propio alcalde recoñeceu esa débeda, como se desprende das súas declaracións recentes aos medios de comunicación”, indica Grueira
Nicole-Grueira-pp-pol-portada
6 Nov 2024

A voceira do PP de Pol, Nicole Gueira, denuncia “o ocultismo do alcalde socialista” toda vez que “seguimos sen ter acceso ao expediente da compra do autobús” e, polo tanto, “non dispoñemos de toda a información para que os veciños coñezan os detalles desta operación”.

Un dos aspectos da mala xestión do alcalde que si coñecen no Partido Popular de Pol, tal e como fixeron público para coñecemento dos veciños, é a “insostible situación económica do Concello e a súa débeda de máis de 3,4 millóns de euros” que quedou de manifesto nun dos informes de Intervención municipal.

“O propio alcalde recoñeceu esa débeda, como se desprende das súas declaracións recentes aos medios de comunicación”, indica Grueira, que rexeita que “Rodríguez pretenda botar a outros as culpas do seu despilfarro económico”.

Os populares insisten en que “non era necesario adquirir un autobús”. E engaden que “mentres outros Concellos se centran en cubrir os servizos municipais, o alcalde de Pol decidiu mercar un autobús que, ademais, non está claro que cumpra todos os requisitos que establece a normativa para poder ser empregado por menores”.

Grueira considera que “hai outras necesidades en Pol que teñen máis prioridade” e por iso convida ao rexedor a “atender as necesidades dos veciños en vez de cumprir os seus caprichos” toda vez que “as estradas municipais polas que circulan a diario os nosos veciños e veciñas continúan en mal estado”, por exemplo.

0.21292495727539