O PP de Pol esixe explicacións sobre a compra dun edificio e do arranxo dun supermercado

Pol
LugoXa | TerraChaXa
A popular lembra que “o alcalde anunciara dirixir fondos para a compra de inmobles para destinalos a vivendas sociais, pero non existe nin proxecto definido nin cartos para facelo realidade”
nicole-grueira-pp-novas-xeracions
11 Dec 2024

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, denuncia, unha vez máis, “a opacidade e a mala xestión por parte do goberno municipal, co alcalde á cabeza e coa complicidade da Deputación Provincial de Lugo que, lonxe de supervisar e garantir o bo uso dos recursos públicos, apoia os seus despropósitos”.

A popular demanda “claridade sobre o destino dos 111.684,46 euros que dirixirá a Deputación de Lugo ao Concello de Pol para a adquisición dun inmoble e o arranxo dun supermercado”. A portavoz do PP advirte que se trata dun “trapicheo máis do alcalde de Pol” toda vez que o Concello o traspasou o inmoble a unha Fundación que dirixe o propio alcalde e dous concelleiros máis do goberno local.

Grueira incide en que “esta decisión, sen unha xustificación sólida e sen garantías de transparencia, levanta serias dúbidas sobre o uso partidista e persoal dos recursos públicos”.

“O alcalde anunciara dirixir fondos para a compra de inmobles para destinalos a vivendas sociais, pero non existe nin proxecto definido nin cartos para facelo realidade”, segundo denuncia a popular.

Grueira considera “inadmisible” que “o alcalde siga tomando decisións sen dar explicacións claras á cidadanía” e, especialmente, “tendo en conta a delicada situación económica do Concello, que arrastra unha débeda superior aos 3 millóns de euros e que pasa serias dificultades para pagar os gastos xerais, segundo reflicten os informes técnicos. Non se entende que, neste contexto, o alcalde siga priorizando gastos innecesarios e de utilidade cuestionable”.

A popular lembra que “este novo gasto de diñeiro público se suma ao investido para adquirir un autobús en condicións lamentables (con rodas desgastadas) nunha operación pouco transparente” á vista de que “o alcalde nega o acceso ao expediente de compra que ten solicitado o PP e ao que ten dereito”. É dicir, “o alcalde non quere que vexamos esa información”.

Grueira asegura que “estamos fartos de que o alcalde actúe de maneira unilateral, atendendo aos seus propios intereses e sen respectar as necesidades reais do municipio” e, nese sentido, denuncia “a complicidade do goberno da Deputación de Lugo que, neste caso, está a renunciar ao rigor e á responsabilidade”.

A portavoz do PP de Pol defende que “a cidadanía merece respostas, unha xestión seria e unha Deputación que vele polo interese xeral en lugar de atender aos caprichos e intereses persoais dun alcalde que está a acabar co Concello de Pol” e incide en que “non podemos permitir que o descontrol do alcalde o siga afundindo”.

0.17682886123657