O PP de Pol reclama o pago das nónimas aos traballadores municipais

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Tamén pediu a comparecencia do alcalde no pleno para falar sobre a multa que recibiu o Concello polo uso "indebido" do autobús
nicole-grueira
4 Sep 2025

A voceira do PP de Pol, Nicole Grueira, amosou a súa fonda preocupación despois de ter coñecemento ao longo do día de onte de que os traballadores do Concello de Pol “aínda non cobraron as nóminas do mes de agosto”.

Nicole Grueira esixe “en primeiro lugar que se paguen de inmediato os salarios” e que, ademais, o alcalde dea todas as explicacións de por que unha administración pública como o Concello de Pol “non é capaz de facer fronte a gastos correntes e que son fixos todos os meses, uns gastos para os que debería haber unha reserva orzamentaria mensual porque son gastos que hai que afrontar si ou si”.

A voceira popular insiste na súa gran preocupación xa que “que non se aboaran as nóminas, un gasto fixo cada mes, implica que o Concello de Pol non ten cartos e que, se os ten, Lino Rodríguez os destina ao seu capricho”. “Este é un novo exemplo da nefasta política económica de Lino Rodríguez, algo que dende o PP de Pol levamos moitos meses advertindo e que, de seguir neste camiño, o alcalde levará ao Concello a unha situación crítica”, sinalou.

A realidade é que “a situación é moi preocupante, e todo por mor das decisións económicas do alcalde, pero as novas que temos cada semana da forma de actuar dentro do Concello de Pol son cada día moito máis preocupantes”.

“Esta situación non vai de cores políticas, vai de familias que non recibiron os seus salarios a pesar de ter realizado o seu traballo para unha administración pública que, se supón, debe cumprir escrupulosamente con todas as súas obrigas, sobre todo cos pagos polos traballos realizados xa que as familias teñen que facer fronte aos pagos das hipotecas, alugueiros, a compra e, neste mes, a volta á escola”, afirmou.

"Aos impagos das nóminas hai que engadir o inxente gasto realizado no campo de fútbol mentres as pistas e camiños municipais están sen arranxar e cheos de fochancas e buratos; cómpranse edificios con diñeiro público para logo deixalos caer a ata se adquiriu por parte do Concello un autobús que xa recibiu unha multa por usarse sen ter o título habilitante e no que se transportan menores a pesar de ter unha prohibición expresa para iso", engadiu.

AUTOBÚS

En materia económica, Nicole Grueira rexistrou tamén unha solicitude de comparecencia do alcalde Lino Rodríguez no vindeiro pleno municipal “para dar conta sobre a multa ao autobús municipal e as irregularidades detectadas no se funcionamento”.

Nicole Grueira afirma que tras ter coñecemento da sanción de 4.001€ polo uso do autobús sen o título habilitante para o mesmo e de que Lino Rodríguez permite que viaxen nel menores a pesar de coñecer que está prohibido “chegou o momento de que o alcalde por fin diga toda a verdade e dea as explicacións que todos os polenses merecemos”.

Nicole Grueira afirma que “chegar a este extremo é inconcibible e unha irresponsabilidade enorme” e engade que “unha cousa é xogar cun balón ao fútbol e outra moi diferente é xogar coa seguridade de menores”.

Ademais, a voceira popular recorda que “tras moitas mentiras, o alcalde por fin recoñeceu a semana pasada que é consciente da prohibición de transportar a menores” polo que “é unha temeridade enorme que puxera o autobús a disposición do campus de fútbol que se celebrou en xullo en Pol e que, ademais, percorreu varios municipios colindantes recollendo aos pequenos, incumprindo ademais a prohibición de realizar transportes intermunicipais”.

⚙ Configurar cookies
0.18292617797852