O PP de Pol reclama os orzamentos deste ano
O PP de Pol esixe explicacións ao goberno local sobre a ausencia de orzamentos neste 2023, unha eiva que provoca “que se teña que traballar co prorrogado do ano pasado, paralizando o desenvolvemento económico do municipio”
A voceira popular Nicole Grueira destaca que pola ausencia deste documento hai moitas trabas á hora de realizar un control da xestión e para a toma de decisións de carácter económico no municipio. “É importante controlar, planificar e poñer uns límites aos gastos e aos ingresos, para así evitar todos os problemas económicos que ten agora Pol, xa que a situación económica do concello é preocupante, froito dunha xestión descontrolada por parte do goberno local”, denunciou.
Para a voceira popular a falta de orzamentos neste 2023 é unha mostra más da “mala xestión” do goberno local á fronte do concello, “un equipo incapaz de xestionar correctamente e de elaborar uns orzamentos reais e adaptados ao concello”.
Por último, Nicole Grueira agarda que nestes últimos meses do ano “o goberno local amose unha preocupación real polo desenvolvemento do municipio e teñan sentidiño e comecen a traballar nun proxecto de orzamentos para o vindeiro ano”.