O PP de Pol ve irregularidades na compra o autobús

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Grueira denuncia que foi o propio alcalde o que “decidiu persoalmente asinar a compra a pesar de que a situación económica do Concello de Pol é límite"
autobus-rotulado-pol
16 Jan 2025

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Pol denuncian as “deficiencias” na tramitación da compra do autobús por parte do Concello, ademais das “numerosas trabas” postas polo alcalde para poder acceder á documentación.

A voceira popular en Pol, Nicole Grueira, explica que “tivemos que pedir dúas veces acceso ao expediente” ata que nos deron a documentación de forma escrita e logo “puxo moitos problemas para poder analizala, chegando a obrigarme a cambiar de despacho en dúas ocasións”.

Pese ás trabas postas por Lino Rodríguez, a voceira popular confirma que “dende a secretaría – intervención do Concello de Pol puxéronse reparos de legalidade á compra do autobús, ademais de que houbo deficiencias na tramitación así como que non se solicitaron ofertas para a adquisición do bus”.

Nicole Grueira explica que é moi curioso ver como “a factura entrou no Concello de Pol” o 12 de setembro de 2024 e, ao día seguinte, o 13 de setembro xa había un informe de intervención advertindo de irregularidades que impedían de cheo a tramitación, pero, ese mesmo día “Lino Rodríguez levantou o reparo de legalidade da secretaria para pechar a compra do bus”.

Tal e como recoñece a secretaria – interventora nun dos seus informes “a data actual a pesares das numerables advertencias de ilegalidade realizadas por esta Intervención continuase sen realizar trámite algún para adecuar ditos gastos ao procedemento legalmente establecido. A través da súa tramitación como contratos menores (simplemente presentación de factura) estase a producir un fraccionamento do obxecto do contrato e omisións de trámites esenciais do procedemento”.

“Queda claro que a situación económica do Concello de Pol é límite, pero o alcalde prefire gastar os cartos en compras innecesarias como un bus, mentres hai facturas de autónomos de hai anos que levan moito tempo tentando cobrar”, denunciou.

A voceira popular en Pol afirma que “seguiremos analizando toda a documentación e se seguimos a ver deficiencias na tramitación poñeremos o caso en mans dos nosos asesores xurídicos por se hai que tomar outro tipo de medidas”.

Ademais, Nicole Grueira cuestionará ao alcalde “polas intencións concretas que tiña coa compra do bus ademais de saber de onde saíron os cartos dada a delicada situación financeira do Concello de Pol”.

0.16704988479614