Monterroso acolle unha nova edición do programa 'Xogade coas motos' para nenos e nenas

LugoXa
A actividade, totalmente gratuíta, celebrarase o 16 de agosto no pavillón A Cúpula e require inscrición previa
Xogade-Monterroso
6 Aug 2025

O Concello de Monterroso volve traer á vila o programa Xogade coas motos, unha iniciativa de iniciación ao motociclismo dirixida a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos. A cita terá lugar o venres 16 de agosto no pavillón municipal A Cúpula, cun horario de mañá e tarde: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Este proxecto está impulsado pola Secretaría Xeral para o Deporte, VF Timing e a Federación Galega de Motociclismo, e consiste en xornadas de aprendizaxe e prácticas guiadas completamente gratuítas, pensadas para achegar este deporte aos máis novos.

A participación require inscrición previa, e todas as persoas anotadas recibirán un correo electrónico confirmando a praza. Ata a recepción desa confirmación, a inscrición considerarase provisional. O prazo para inscribirse estará aberto ata o 9 de agosto, cunha preferencia inicial para os rapaces empadroados en Monterroso. Se quedan prazas dispoñibles, abrirase un novo período para o resto de participantes entre o 9 e o 12 de agosto.

Como incentivo adicional, sortearase un casco entre os nenos e nenas participantes nesta edición de Xogade coas motos.

⚙ Configurar cookies
0.12518501281738