O PP defende en Becerreá o seu modelo de coidados fronte ao que cualifica de "privatización"

A secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado, xunto coa presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e o voceiro popular na Deputación lucense, Antonio Ameijide, mantiveron este martes un encontro en Becerreá con representantes populares da comarca dos Ancares e membros da Plataforma Pro Residencia de Becerreá, onde reclamaron a posta en funcionamento do centro de maiores da localidade en condicións equivalentes ás do resto da rede provincial.
Durante a reunión, Prado criticou o que cualificou como incoherencia do PSOE e do BNG ao defender en Galicia un modelo público mentres, segundo afirmou, optan por privatizar residencias nas administracións que gobernan. A número dous dos populares galegos puxo como exemplo o caso de Becerreá, onde denunciou que un usuario tería que afrontar un custo un 60 % superior respecto doutras instalacións da provincia. “Queremos que todos os centros dean o servizo para o que foron creados, co mesmo prezo para todos os veciños”, sinalou Ameijide.
Prado insistiu en que o PPdeG promove desde hai anos un modelo “de éxito contrastado” de atención ás persoas, definido como “coidados desde o berce ata o bastón”, e contrapuxo esta fórmula ao que chamou modelo do “Fai o que digo e non o que fago” que, segundo ela, aplican PSOE e BNG. A secretaria xeral popular acusou ambas formacións de “defender o público e aos traballadores de palabra, pero non de feito”, mencionando tamén incumprimentos salariais e denuncias nas residencias que xestionan.
Finalmente, Prado advertiu de que tanto PSOE como BNG “consenten que Galicia reciba menos a cambio de prolongar a situación de Pedro Sánchez en Moncloa, con acordos feitos á medida do independentismo catalán”. Pola súa parte, Elena Candia instou ambas formacións a “respectar á veciñanza de Becerreá, cumprir o que reclaman noutras institucións e abandonar a hipocrisía para que o municipio conte coa residencia que merece”.