O PP defende un espazo seguro para o transporte escolar en Santiago de Meilán
Os deputados do Grupo Provincial Popular na Deputación de Lugo piden a José Tomé que estude a colocación dun espazo seguro para os rapaces que esperan polo bus na estrada LU-P2902, ao seu paso pola parroquia lucense de Santiago de Meilán, para garantir a seguridade dos nenos que agardan polo transporte escolar.
O voceiro popular, Antonio Ameijide, acompañado da concelleira do PP, Flor Rubinos, revisaron a zona na que se atopa a parada do transporte e comprobaron como non hai “nin unha simple plataforma de formigón para identificar o punto e que os rapaces estean seguros, en lugar de estar ao pé da estrada”.
A realidade é que durante os meses de inverno chove, o que provoca que haxa moito barro, polo que os rapaces teñen que situarse noutro punto para agardar polo transporte escolar “aumentando o perigo ao ser nun cambio de rasante, no que a esas horas hai moito tráfico”. Ademais, hai varios colectores do lixo nesta zona, polo que aumenta o perigo ao diminuír a visibilidade.
Os veciños desta parroquia presentaron varios escritos ante a Deputación, en setembro de 2023 e febreiro de 2024, “obtendo o silencio como única resposta”. Os deputados populares defenderán no vindeiro pleno unha iniciativa para o goberno de José Tomé acondicione unha parada de bus neste punto para garantir a seguridade de todos os usuarios da vía, principalmente dos rapaces que van á escola.