O PP defenderá na Deputación una moción para garantir a conexión ferroviaria

"Lugo e os lucenses merecemos unha conexión ferroviaria en igualdade de condicións que o resto de capitais e provincias do entorno, polo que os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán unha moción no pleno do martes para esixir ao Goberno do Estado que deixe de marxinar á provincia en materia ferroviaria", así o sinala o voceiro provincial do partido, Antonio Ameijide.
Ademais, explica que “dadas as carencias de conexións e de infraestruturas que sufrimos todos os lucenses demandaremos presentar, nun período máximo de tres meses, unha planificación completa e detallada que inclúa as obras, investimentos e prazos que garantan a conexión ferroviaria de Lugo en igualdade de condicións co resto de capitais e provincias galegas e do entorno, e que na rede ferroviaria da provincia de Lugo poidan circular trens AVE, en condicións de igualdade co resto das capitais galegas, e que tanto a cidade como a súa provincia non queden á marxe de rede de alta velocidade ferroviaria, e das vantaxes asociadas a esta tecnoloxía, como son a redución de tempos de viaxe, maior conectividade, beneficios económicos e ambientais, así como un impacto positivo no turismo, o urbanismo, e na capacidade de asentar poboación e atraer novas oportunidades industriais e empresariais propias dos territorios mellor conectados. Para elo é imprescindible a execución das variantes de Os Peares – Canabal e de Rubián".
Ademais consideran necesario “garantir que se leve a cabo a conexión ferroviaria entre Lugo e Santiago e reforzar e mellorar a xa existente con A Coruña e o resto de Galicia así como melloras as condicións e o servizo das demais vías na provincia”.
Os deputados populares tamén defenderán unha moción para instar ao Goberno central a adoptar as medidas necesarias ante a desestimación do recurso contra o veto da pesca de fondo que “afecta de forma notable á provincia de Lugo”.
Por este motivo, os populares defenderán que a Deputación de Lugo esixa ao Goberno de España interpoñer un recurso de casación diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea pola desestimación das demandas de anulación da normativa comunitaria que impón 87 vedas á pesca de fondo zonas do Atlántico Nororienta.
Para reafirmar a reclamación cómpre achegar toda a información científica recompilada desde o ano 2022 para descartar ou confirmar a existencia de ecosistemas mariños vulnerables nas 87 áreas vedadas e o impacto que a actividade pesqueira da frota causa nestes espazos.
ROGOS E PREGUNTAS
Antonio Ameijide recorda como nos últimos días o alcalde de Lugo fixo pública a súa intención de que non se constrúan edificios no Paseo do Rato, á altura do barrio de Paradai, postura defendida polos veciños e polo Partido Popular.
Neste senso, os populares queren saber se Miguel Fernández defende a mesma postura como deputado provincial que como alcalde de Lugo, así como tamén pedirá que José Tomé se posicione publicamente xa que “o que fixo ata agora foi contratar e pagar (12.100 euros) polo plan parcial para desenvolver urbanisticamente a zona”.
Tamén se preguntará que ten pensado facer o goberno provincial coa estrada LU-P-1201, en Castroverde, que xa leva varios anos derreténdose en canto comeza a calor. “Queremos saber se José Tomé e o alcalde de Castroverde van seguir permitindo que os veciños queden pegados a esta estrada cada vez que pasan por ela”, afirmou.
En canto aos rogos, os deputados populares pedirán que se realice o correcto asfaltado do treito restante da estrada LU-P-6405 (O Vicedo), falta 1,3 quilómetros, e que é moi transitada porque dá acceso á praia de Xilloi, así como que se atendan ás reclamacións dos veciños de Muras que piden á Deputación o mantemento periódico da rede viaria provincial no seu concello, algo para o que recolleron e rexistraron sinaturas ante o goberno provincial.