O PP defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para buscar un “uso real e eficiente” da Fábrica da Luz

LugoXa
No Grupo Municipal Popular amosan a súa “preocupación” porque a única idea do goberno local “é privatizar a xestión”
lugo-fábrica-da-luz
14 Xul 2024

O Grupo Municipal do Partido Popular defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para buscar un “uso real e eficiente” da Fábrica da Luz xa que pasaron dous anos despois de que o goberno local anunciase un proxecto de enogastronomía que “non foi máis que unha bomba de fume, o cal se demostra despois de dous anos sen un so avance”.

O concelleiro popular, Antonio Ameijide, recorda os 2 millóns de euros procedentes de Europa anunciados polo goberno local o 15 de decembro de 2022, que se complementarían con 658.000 euros de fondos propios, para desenvolver este proxecto que na realidade “é un edificio abandonado con árbores no tellado nun entorno insalubre”.

O único que se sabe deste proxecto é que en xuño deste ano contrataron un plan de márketing que debe de estar finalizado en agosto. “Contrataron un plan de promoción para un centro enogastronómico imaxinario”, denunciou.

Antonio Ameijide sinala que este proxecto se apoia no plan de sostenibilidade turística do ano 2022 que se se analiza detidamente “deixa moitas preocupacións”, xa que enuncia conclusións como que "Lugo está inmerso nunha etapa de estancamento turística e iniciando o declive, que actualmente non hai unha capacidade real para desestacionalizar o turismo, que Lugo é un municipio que carece de oferta e programación para o turista, que non hai unha oferta turística de primeira orde e que está baixando o turismo internacional e a media deste en Lugo é un 10 % menos que no resto de Galicia".

Ante este panorama, no Grupo Municipal Popular amosan a súa “preocupación” porque a única idea do goberno local “é privatizar a xestión” deste centro no caso de ser realidade. “É curioso que só queiran poñer en mans privadas a xestión dun restaurante que custa 5 millóns de euros (entre a indemnización xa pagada e o investimento necesario para poñelo en marcha)” deixando a un lado a posibilidade real de “xerar riqueza para o Concello producindo enerxía eléctrica e dando usos reais e útiles para a cidadanía lucense e os turistas”.

0.10112595558167