Monterroso acolleu unha visita de membros do PP na que defenderon a aposta pola industria
Membros do PP lucense xunto coa conselleira de Economía, Industria e Innovación e candidata pola provincia da Coruña, María Jesús Lorenzana, visitaron Monterroso, onde defenderon que os populares apostan pola industria e pola creación de emprego e demandan ao Goberno de Pedro Sánchez que "garanta a viabilidade de Altri e o acceso a fondos europeos" toda vez que "permitiría a creación de 2.500 empregos".
Lorenzana lembrou que no seu departamento autonómico están traballando nunha ducia de proxectos industriais na provincia, con investimentos privados que superan os 1.500 millóns de euros e máis de 3.000 postos de traballo de nova creación.
E, como punta de lanza, destacou o proxecto da fábrica de biofibras que Altri quere impulsar en Palas de Rei. Unha iniciativa que, asegurou, “sairá adiante se a sociedade galega entende a súa relevancia e todas as Administracións traballan na mesma dirección”, dixo en referencia ao impulso que tería a factoría no caso de recibir fondos europeos.