O PP demanda de novo un aparcadoiro en Fontiñas
O PP lembra que a reivindicación de hai un ano, avalada por máis de 1.000 lucenses de Fontiñas, para a construción dun gran aparcadoiro no barrio continúa viva. Elena Candia reafirma o seu compromiso con Fontiñas e asegura que seguirá reclamando a construción desta dotación tan necesaria.
Coincidindo coa data na que se cumpre un ano da recollida de sinaturas para reivindicar a construción dun gran aparcadoiro de Fontiñas, a voceira popular, Elena Candia acompañada por varios concelleiros do grupo, visitou o barrio e lamentou que o goberno local “desatenda unha reclamación clara e xustificada”.
Dende o PP insisten en que é necesario habilitar máis prazas de aparcamento para esta zona onde hai unha gran densidade de poboación e zona comercial e de ocio “os veciños e comerciantes necesitan un aparcamento accesible para facilitar o seu día a día e tamén para atraer a máis persoas que queiran desfrutar da oferta do barrio sen preocuparse por encontrar un lugar onde deixar o seu coche”.
Nos últimos anos os populares presentaron varias alternativas para construír un aparcadoiro en Fontiñas. Unha das posibles localizacións será á altura do número 105 e outra na contorna do número 129, creando máis de 400 prazas . Outra zona para aparcar que propón o Grupo Municipal Popular é na rúa Primavera onde hai varios solares municipais nos que se poderían crear preto dun cento de prazas negociando a cesión, arrendamento ou adquisición de solares privados que hai na súa contorna.