O PP denuncia a falta de limpeza nos parques infantís da cidade de Lugo
O PP denuncia a falta de limpeza nas rúas, estradas, infraestruturas e zonas verdes, facendo especial fincapé nos parques infantís da cidade de Lugo.
Nos últimos días, varios veciños da cidade puxéronse en contacto cos concelleiros populares para denunciar “o pésimo e lamentable estado” que presentaban as zonas de xogo infantil, con moitos dos xogos totalmente cubertos de excrementos de paxaros. Unha situación que os lucenses denunciaron a través das redes sociais.
Ante a denuncia realizada por estes veciños, os concelleiros populares revisaron diferentes zonas de xogo infantil da cidade. No parque Rosalía de Castro comprobaron que a zona de xogos infantil está chea de excrementos de paxaros, facendo imposible que ningún neno puidese xogar nese punto.
Situación idéntica hai no parque de Frigsa. As zonas de xogo infantís e biosaudables para maiores están cubertas de verdín, musgo e excrementos de paxaros, o que imposibilita o uso destas zonas. Para os populares tamén é curioso como, por exemplo, o muro exterior na zona da Avenida da Coruña, á altura da zona de petanca, está cheo de excrementos. “Neste punto non se trata de algo puntual, dun ou dous días sen limpar, senón que falamos de semanas xa que a capa de excrementos acumulados ten varios centímetros de altura”, apuntan.
Outra zona en idénticas condicións é a Fonte dos Ranchos, onde hai outras dúas zonas de xogo infantís. Neste caso, os bambáns están nun estado aceptable, pero o problema está nos bancos, totalmente cubertos de excrementos.