O PP denuncia a incerteza polo cambio de contadores de auga en Lugo

O Grupo Municipal do Partido Popular mantivo unha reunión coa Asociación Profesional de Fontaneiros de Lugo (Alufonca) para avaliar a situación derivada do proceso de substitución dos contadores de auga, un procedemento que, segundo denuncian, continúa envolto en total incerteza.
Na xuntanza, a voceira popular Elena Candia e a concelleira Silvia Colmenero trasladaron o malestar dos profesionais, que aseguran non dispoñer de instrucións claras nin de información sobre que modelos validados polo Concello poden instalar.
Os populares lembran que primeiro se remitiron avisos a veciños ameazando con sancións se non renovaban os seus contadores, e que posteriormente o executivo local pediu esperar á resolución dos fondos europeos do PERTE da auga, comprometéndose a que non se multaría. Porén, critican que a día de hoxe nin os cidadáns nin os fontaneiros teñen unha resposta clara, xa que o Concello aínda non validou ningún dispositivo.
A normativa estatal (Orde ICT/155/2020) establece a obrigatoriedade de substituír todos os contadores con máis de 12 anos antes do 24 de outubro de 2025, aproveitando ademais a posibilidade de incorporar a lectura remota dos consumos. Segundo o PP, Lugo está a perder esa oportunidade pola “inacción municipal”, unha situación que tamén afecta ás novas construcións, onde a ausencia de instrucións concretas deixa os profesionais “cos pés dos cabalos e a cidadanía desconcertada”.
Os populares acusan ademais ao goberno local de enganar á veciñanza, lembrando que o 10 de agosto o Concello publicou na súa web unha recomendación de agardar á resolución do PERTE da auga, cando en realidade a resolución da terceira convocatoria xa estaba asinada o 6 de agosto e confirmaba que Lugo quedaba fóra por falta de crédito. “Se houbo engano é grave, pero se non se decataron, é aínda máis preocupante”, sinalan.
A pouco máis de dous meses de que remate o prazo da normativa estatal, o PP advirte que en Lugo non existe planificación nin seguridade xurídica. Ademais, na reunión con Alufonca recolleron outras demandas, como estudar a nivel autonómico a recuperación dun carné profesional de fontaneiro, unha acreditación que existira no pasado e que permitiría mellorar o recoñecemento e a dignificación da profesión.