O PP denuncia a "inseguridade dos que circulan pola LU-P-2922" ao seu paso por Santa María de Bóveda
Dende o Grupo Provincial Popular reclaman ao Goberno provincial de PSOE e BNG "maior preocupación pola seguridade dos condutores nas vías provinciais" e, nesta ocasión, denuncian a inseguridade que teñen todas as persoas que circulan cos seus vehículos pola LU-P-2922 ao seu paso por Santa María de Bóveda, no Concello de Lugo.
Antonio Ameijide, acompañado da concelleira popular en Lugo, Flor Rubinos, e veciños da parroquia comprobaron como na Ponte de Vilar non hai ningún tipo de sinalización nin elemento de seguridade para evitar a caída dos vehículos, en caso de accidente, ás vías do tren. “O único elemento que pode dar algo de seguridade neste punto é a maleza”, ironizou.
Dende o Grupo Provincial Popular seguen a reclamar “unha preocupación real” pola seguridade nas estradas provinciais a José Tomé porque “a responsabilidade final en caso de que algún día haxa que lamentar un accidente grave será do presidente da Deputación por tantos anos de abandono ao mantemento e a seguridade nas vías provinciais”.