O PP denuncia a paralización da Escola Municipal de Música de Lugo

LugoXa
Javier Vázquez critica a inacción do Goberno local e alerta de que “a música está a desaparecer da estrutura municipal”
Escola-Municipal-de-Música-de-Lugo
23 May 2025

O grupo municipal do Partido Popular en Lugo cargou contra o Goberno local tras confirmarse en Comisión que non se abrirá o prazo de matrícula da Escola Municipal de Música, o que, segundo os populares, supón na práctica a súa desaparición.

O concelleiro Javier Vázquez cualificou a situación de “vergoñenta” e denunciou que se trata dun novo golpe á cultura local.

“Estamos ante outro paso máis no desmantelamento da vida cultural municipal: primeiro foi a Banda de Música, e agora é a Escola. Todo o que tocan, estráganno”, afirmou Vázquez, visiblemente crítico coa xestión do executivo que compoñen PSOE e BNG.

Dende o PP lembran tamén que os músicos municipais levan anos esperando que se actualice a súa situación profesional na Relación de Postos de Traballo (RPT), un compromiso adquirido polo propio Goberno que, segundo denuncian, segue sen materializarse.

Vázquez criticou a “pasividade” e as “contradicións internas” entre as áreas de Cultura e Persoal, apuntando que “Cultura di que é responsabilidade de Persoal, e Persoal que é de Cultura. Mentres tanto, a realidade é que a música desaparece da estrutura municipal”.

Os populares acusan ao Goberno local de fuxir das súas responsabilidades e de abandonar a cultura, lembrando que “a música é parte do patrimonio vivo da cidade, un instrumento de cohesión social e formación que non pode desaparecer por desinterese político”.

O Grupo Popular anunciou que continuará a fiscalizar a situación e reclamará medidas urxentes para garantir a continuidade da Escola Municipal de Música e o recoñecemento profesional do persoal musical do Concello.

⚙ Configurar cookies
0.17825603485107