O PP denuncia de novo o estado das pistas de tenis do Palomar tras producirse lesións durante un torneo oficial

O Grupo Municipal Popular volveu denunciar o que cualifica como o lamentable estado das pistas de tenis do Palomar e a falta de resposta responsable por parte do goberno municipal, unha situación que, segundo advirten, está a poñer en risco a seguridade das persoas usuarias. Os populares lembran que xa no pasado mes de abril rexistraran un escrito solicitando o acondicionamento das tres pistas existentes, unha petición que foi trasladada para o seu debate en comisión municipal.
Porén, a actuación do goberno local limitouse unicamente ao arranxo dunha das canchas, mentres que as outras dúas continúan presentando un firme moi deteriorado e cuberto de verdín, o que provoca constantes esvaróns e caídas. Ademais, segundo sinala o PP, a pista supostamente reparada presenta tamén un importante problema de seguridade, cun escalón perimetral entre o final da superficie de xogo e a valla que a rodea.
As consecuencias desta intervención parcial quedaron patentes durante a pasada fin de semana, coincidindo coa celebración dun torneo da Copa Deputación. Nese contexto, un xogador resultou lesionado ao tentar devolver unha bola ao verse afectado polo desnivel existente na pista reparada. Ademais, outro participante tivo que ser trasladado ao servizo de Urxencias tras sufrir un accidente provocado polo verdín acumulado nas pistas que non foron arranxadas.
Desde o Grupo Municipal Popular consideran inadmisible que, pese ás advertencias previas e á celebración dun torneo oficial, o concello non garantise unhas instalacións deportivas seguras e en condicións axeitadas para a práctica do deporte. Ante estes feitos, os populares rexistraron un novo escrito no que esixen ao concelleiro responsable que asuma as súas obrigas, actúe de maneira inmediata e leve a cabo un arranxo integral das pistas de tenis de O Palomar para evitar consecuencias aínda máis graves.
Ademais da reparación do firme, o PP reclama a mellora do peche perimetral das instalacións, a revisión das redes das canchas e un reforzo da recollida de lixo. “O deporte non pode practicarse en instalacións que poñen en perigo a integridade física dos usuarios. A seguridade debe ser unha prioridade, non unha opción”, conclúen desde o Grupo Popular.