O PP denuncia deixadez do goberno local pola falta de persoal na Escola Infantil Gregorio Sanz

LugoXa
Os populares acusan ao executivo de Lugo de vulnerar dereitos laborais e de provocar sobrecarga de traballo por non cubrir unha praza de educadora
Gregorio-Sanz-Lugo
13 Oct 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denunciou a “deixadez de funcións” do goberno local en materia de persoal, unha situación que, segundo afirmaron, está a provocar conflitos internos e vulneracións de dereitos fundamentais entre os traballadores municipais.

O último exemplo, explicaron, é o da Escola Infantil Gregorio Sanz, onde un informe do Servizo de Educación, con data do 9 de setembro, alerta das consecuencias derivadas da falta de cobertura dunha praza de educadora, o que estaría a provocar a denegación de permisos por asuntos particulares, a creación de aulas mixtas e unha sobrecarga de traballo entre o persoal.

O documento, segundo indicaron os populares, recolle literalmente que “non se cubra provisionalmente a praza de educadora, pois esta situación causa que haxa que crear aulas mixtas ou que denegar permisos de asuntos particulares”. O informe tamén detalla que o Servizo de Educación xa solicitou en varias ocasións por escrito ao Servizo de Persoal a cobertura desta praza, ademais de reiteralo nunha reunión presencial co concelleiro responsable e coa xefa de sección.

A maiores, o texto incide en que “reincidimos unha vez máis… o feito de que non se cubra a sétima praza provoca a sobrecarga no traballo e dificultades na organización, así como da vida laboral e familiar das traballadoras”.

Para o Grupo Popular, trátase dun diagnóstico “contundente” que pon en evidencia o “abandono” deste servizo. Chamaron ademais a atención sobre o feito de que sexa o propio BNG, que dirixe a área de Educación, quen advirta por escrito ao PSOE —responsable de persoal— da urxencia de cubrir a praza.

“Este informe está poñendo por escrito o que levamos meses denunciando: a mala organización e a falta de cobertura de prazas están a afectar tanto á calidade dos servizos como aos dereitos laborais do persoal municipal”, concluíron os populares.

⚙ Configurar cookies
0.078926086425781