O PP denuncia "desigualdade" no reparto do orzamento do Plan Deputación para 2025
Os deputados do Grupo Provincial Popular abstivéronse na votación sobre as bases do Plan Deputación para 2025 propostas por PSOE e BNG por considerar “que manteñen a desigualdade de trato aos lucenses en función do municipio no que vivan e, por conseguinte, empeora a asistencia aos concellos”.
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, explica que “non se entende o triunfalismo” de PSOE e BNG sobre o Plan Deputación porque “a realidade é que deron cumprimento a unha das súas obrigas legais de colaboración cos municipios”.
O popular lembra que este plan, “mellorouse grazas a un acordo entre os dous grandes partidos desta corporación (PP, con Elena Candia, PSOE, con Darío Campos), mentres que o actual equipo de goberno, nos dous últimos mandatos só fixo dúas cousas: cambiarlle o nome e empeorar a asistencia aos concellos”.
Antonio Ameijide explica que as bases deste plan “empeoran a asistencia aos municipios porque cada vez se adapta menos ás súas necesidades”, recordando como os alcaldes levan anos pedindo poder empregar os fondos do plan para gastos correntes, por exemplo, “pero PSOE e BNG néganse”.
O PP DENUNCIA UN "ENGANO"
Os deputados populares explican que a suba “é ficticia, porque a realidade é que o plan aumenta 250.000 euros con respecto ao deste ano, e sobe só para uns poucos, para 32 municipios baixa e para a maioría conxélase".
Ante esta situación, Antonio Ameijide afirma que “tanto PSOE como BNG cada vez restan máis peso e importancia a este plan, porque na realidade están a restar competitividade aos municipios. Vemos como aínda que conxelen a partida que destinan a cada concello, a realidade é que baixan os fondos destinados, porque teñen que facer fronte á inflación cos mesmos recursos e porque o orzamento da Deputación sobe un 13 % pero este plan só un 1 %”, lamentou.
Neste senso, os deputados populares insisten en que “tanto José Tomé, como PSOE e BNG teñen que escoitar aos alcaldes da provincia e permitir que, con cargo ao Plan Deputación, se poidan financiar gastos correntes dos municipios”.
Antonio Ameijide denuncia que tanto socialistas como nacionalistas “non permiten” sufragar estes gastos con cargo ao Plan Deputación porque “xa financian eses gastos nos concellos que gobernan os alcaldes amigos cos convenios, máis coñecidos como pedreas, das xuntas de goberno de cada venres”.
Antonio Ameijide amósase contundente e afirma que “se fora por PSOE e BNG eliminarían o Plan Deputación para así colaborar de forma directa e unicamente cos concellos que eles queren”.
PROPOSTA DO PARTIDO POPULAR
Os deputados do Grupo Provincial Popular recordan que “levamos anos” pedindo un aumento da contía que se destina a este plan porque “na actualidade é a forma máis xusta” que ten a Deputación de Lugo para colaborar cos concellos, xa que “esta colaboración se realiza en base a criterios igualitarios para todos os municipios”.
Neste senso, Antonio Ameijide recorda que este ano se instou a incrementar os fondos en 10 millóns de euros e para realizar este aumento dos fondos, indicaron de onde se podía sacar o orzamento: Da aportación extraordinaria dos impostos do Estado do ano 2022 que recibiu a Deputación este ano e coa que tamén se conta para o vindeiro ano; e dos cartos que se destinan de "forma subxectiva e a dedo nos convenios que se reparten cada venres nas xuntas de goberno, fondos que entregan de forma sectaria e sen criterios obxectivos aos concellos que gobernan PSOE e BNG para financiar gastos correntes ou calquera outro fin, como a compra autobuses, supermercados ou pagar orquestras", conclúen.
RESIDENCIAS PROVINCIAIS
Antonio Ameijide condenou tamén que nacionalistas e socialistas votaran en contra de impulsar a construción e apertura dos centros de atención a maiores comprometidos aos veciños de 10 municipios da provincia.
O portavoz popular explicou durante a súa intervención que “atrasan con novas prórrogas o remate das obras de construción dos centros de atención a maiores de Guitiriz (onde o goberno provincial deixou caer a Casa da Botica) e A Pontenova, como mínimo, ata xullo e agosto do 2025, respectivamente”.
A da Pobra de Brollón está actualmente en construción, pero o goberno provincial non a inclúe dentro das súas previsións para abrir neste mandato “ou se esqueceron dela, como dos centros de día porque non está en marcha ningún”.
Ameijide subliñou que “non teñen ningunha intención de abrir ningunha residencia no 2025 porque os seus propios orzamentos os delatan: na súa resposta ás alegacións presentadas polos veciños de Becerreá falan de remanentes dos que o único que sabemos é que cobran por eles intereses nun banco, pero non establecen partidas orzamentarias con nomes e apelidos e, incluso, baixan fondos para servizos sociais”.
Así, din que as residencias en obras “poden ter a esperanza de ver ladrillos e traballadores nas obras”, para outros que cumpriron a súa parte, “as esperanzas estanse rematando”. É o caso dos centros de atención a maiores de Folgoso do Courel e Portomarín, con convenios asinados no 2018 e 2023, respectivamente.
Estas residencias contan con “localización, proxecto, licencia e compromiso económico do Concello; pero seguen agardando”. “E nada se sabe dos centros de atención a maiores comprometidos para Cervantes, Pantón, Ourol e O Saviñao” para os que todas teñen convenio e ubicación; “pero nin proxecto, nin datas e, ata o momento, case nin esperanzas”, engadiu o popular.
ALTRI
Ameijide destaca que a iniciativa do BNG saíu rexeitada co voto en contra do PP e a abstención do PSOE. O portavoz popular subliñou que “hai que agardar a resolución dos técnicos e, no caso de que o proxecto de Altri para a implantación dunha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei obteña tódolos informes favorables das distintas administracións, terá que ser autorizado”, explicou.
Do contrario, “sería prevaricación”. Ameijide advertiu que a iniciativa do BNG pide claramente incumprir a lei: “no punto 2 piden dirixirse á Xunta de Galicia para que informe negativamente o proxecto” polo que sería pedir “de forma directa, consciente e pública a funcionarios e cargos públicos que cometan un delito tipificado no Código Penal como prevaricación”.
O popular lembrou tamén as “manipulacións” do BNG: cando empregaron unha foto dun país asiáticos para alarmar sobre os pellets nas praias de Galicia e, precisamente en relación a Altri, co uso dunha “foto editada para colocar unha fábrica nun punto onde non está ubicada”. Así mesmo, incidiu en que “o BNG tamén estaba no 1999 en contra de Alcoa e agora colócase detrás das pancartas”.
OUTROS ASUNTOS
Por outra banda, os populares censuran que o PSOE votara en contra de que o Goberno de España informe con transparencia sobre a situación de Muface e garanta a atención aos mutualistas licitando de forma urxente o concerto para impedir que impacte nos sistemas públicos autonómicos. Esta iniciativa do Grupo Popular saíu aprobada cos votos a favor do PP e a abstención do BNG.
Os deputados populares tamén pediron que a Deputación inicie un proceso público de cesión dos bens almacenados na nave de Begonte para que todos os concellos ou entidades interesados en darlles uso poidan facelo de forma gratuíta e tamén que a Deputación esixa ao Goberno de Sánchez, responsable de Adif, dar acceso a vivendas e propiedades en Santo Estevo (Pantón) onde os veciños quedaron illados como consecuencia das obras na vía do ferrocarril.