O PP denuncia en Palas "un novo atraso" na construción da A-54
Os senadores do Partido Popular -José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Carlos Serrano- levarán á Cámara alta “un novo atraso” no remate das obras de construción da A-54, a autovía que aspira a conectar as cidades de Lugo e Santiago. Concretamente, pedirán explicacións ao Goberno Sánchez sobre as razóns desta demora e esixirán que se intensifiquen os traballos para que os tramos pendentes estean en servizo a finais deste ano 2024.
Acompañados pola presidenta do PP da provincia e voceira do Grupo Popular no Concello de Lugo, Elena Candia, pola deputada popular no Congreso, Cristina Abades, e polos alcaldes de Palas de Rei -Pablo Taboada-, Portomarín -Pablo Rivas- e e Guntín -Ángel Pérez-, os representantes do PP lucense na Cámara Alta afearon á Moncloa “a súa falta de compromiso coa execución desta infraestrutura que reforzaría a conexión do interior de Galicia co Eixo Atlántico”.
Segundo os populares, “o primeiro tramo desta vía inaugurábase no 1999, pero 25 anos despois séguese atrasando a posta en servizo da totalidade” toda vez que “o Executivo que preside Pedro Sánchez comprometérase a poñela en servizo para o Xacobeo 21-22, despois para o ano 2023, logo para o 2024 e, recentemente, atrasa a data ata finais do 2025”.
Os senadores do PP lembran que “as obras atopáronse múltiples dificultades derivadas do incumprimento do cronograma de investimentos por parte do Goberno central, problemas contractuais coas construtoras, coa protección arqueolóxica e ambiental, ás que agora hai que engadir a falta de vontade do Executivo de Sánchez, que non foi capaz de cumprir ningún dos prazos que ofreceu”.
“Moito nos tememos que, de manterse o ritmo investidor e de traballo actuais, os 28 quilómetros que quedan para conectar Lugo con Santiago (correspondentes cos tramos pendentes Palas de Rei-Melide e Palas de Rei-Arzúa) tampouco estarán listos no prazo anunciado, sospeitamos que non antes de 2026”.
Os representantes do PP lucense rexistraron no Senado unha moción na Comisión de Transportes e Mobilidade para instar ao Goberno a dar un impulso decidido ás obras da autovía A-54, de tal maneira que todos os tramos pendentes estean en servizo antes de que finalice este ano, 2024. E tamén unha pregunta dirixida ao Goberno para coñecer as razóns que o levan a atrasar, unha vez máis, o prazo de finalización da autovía Lugo-Santiago.