O PP denuncia o abandono da Sala Porta Miñá e esixe un plan de mantemento

O Grupo Municipal do Partido Popular vén de publicar unha nova entrega da súa serie de vídeos nas redes sociais para denunciar o estado de abandono das salas museísticas de titularidade municipal.
Despois de sinalar recentemente a situación do MIHL, que cualifican como unha obra de arte sen contido, nin plan de xestión nin conservación, nesta ocasión centran o foco na Sala Porta Miñá, onde documentan numerosas deficiencias que, segundo denuncian, evidencian a falta de mantemento do patrimonio lucense por parte do Goberno local.
Entre os problemas sinalados destacan a inoperatividade do vídeo explicativo “Sub Terra Aquae” desde xaneiro, a presenza de luces fundidas nas vitrinas dende hai meses, a ausencia de sistemas de alarma antiincendios tanto na sala principal como na cloaca romana, e a deterioración da porta automática de acceso ao baño e á cloaca, que presenta unha peza rota que permite que o cristal quede solto e golpee co vento.
Tamén denuncian que a porta principal perdeu as bandas illantes, o que provoca entrada directa de aire frío no posto de traballo, afectando ao confort e á eficiencia da calefacción. As pechaduras tamén están danadas: a cancela principal queda atascada nos días de calor, a porta traseira da sala e a metálica da cloaca non pechan ben, e o pestillo da porta metálica está solto. Engaden que a cámara de seguridade da entrada principal non funciona, e que a porta de acceso á varanda da cloaca carece de sistema de peche, representando un risco para a seguridade.
No interior da sala, os populares sinalan vinilos deteriorados, paneis mal axustados, a pintura mural con danos visibles desde setembro do ano pasado e incluso carteis caídos que seguen sen repoñer. O PP considera que estas non son cuestións complexas, senón problemas básicos de mantemento que non se solucionan por falta de vontade política.
Por iso, reclaman a posta en marcha dun plan serio de conservación, mantemento e promoción das salas museísticas municipais, e advirten que non se pode seguir gobernando “a golpe de improvisación” mentres se deixan deteriorar espazos que gardan a memoria histórica da cidade.