O PP denuncia o abandono do Centro de Interpretación da Muralla, porta de entrada para moitos visitantes a Lugo

LugoXa
O concelleiro Agustín Gallego cualificou como “inconcibible” o estado no que se atopa este espazo, que debería ser un referente turístico e patrimonial de Lugo
Centro-Interpretacion-Muralla-Lugo
23 Jun 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular puxo o foco sobre o estado de deterioración do Centro de Interpretación da Muralla, situado na Praza do Campo, que acolle tamén a Oficina Municipal de Turismo, e que constitúe a primeira parada para moitos visitantes que chegan á cidade.

O concelleiro Agustín Gallego cualificou como “inconcibible” o estado no que se atopa este espazo, que debería ser un referente turístico e patrimonial de Lugo. “É o lugar onde moita xente comeza a súa experiencia na cidade e non está á altura”, asegurou.

Entre as deficiencias detectadas, destacan pantallas táctiles e vídeos informativos que levan anos fóra de servizo, climatización inoperativa desde xuño de 2023 por falta das tarxetas de control, sistema contra incendios inutilizado desde outubro de 2020 e luz de emerxencia apagada desde o 2 de maio deste ano.

Tamén hai fallos recorrentes na ventilación desde 2020, con queixas por malos cheiros; baldosas soltas con risco de caída desde novembro de 2024; ordenadores e equipamentos que fallan ou precisan arranques manuais, e códigos QR danados ou sen actualizar, así como mala cobertura wifi na planta baixa.

Desde o PP esixen un plan integral e urxente de intervención para garantir o mantemento dun espazo que consideran chave na oferta turística de Lugo. “Un goberno serio non permite que a imaxe do noso principal ben patrimonial se vexa lastrada por este abandono. Isto non é só unha falta de coidado, é unha falta de respecto á historia de Lugo e a quen nos visita”, concluíu Gallego.

⚙ Configurar cookies
0.15479207038879