O PP denuncia o abandono do Coliving do Carme, un ano despois da súa inauguración

A concelleira do Partido Popular, Mar Carballas, denunciou a situación de abandono que presenta o coliving de artistas situado na Ronda do Carme, en Lugo.
Segundo lembrou, este espazo foi anunciado polo goberno local como “unha experiencia innovadora para apoiar a creación artística e revitalizar o barrio do Carme”, pero un ano despois “o edificio está pechado, sen actividade e mesmo con telarañas nas manillas das portas, o que confirma que ten cero uso e utilidade”.
Os populares critican a falta de programación e contido coñecido no equipamento, salientando que a última publicación nas redes sociais data do 29 de xullo de 2024. “Non existe ningún proxecto que xustifique o investimento de preto de 600.000 euros na súa construción e posta en marcha”, lamentou Carballas.
Desde o Grupo Popular insisten en que esta non é unha situación illada, senón que responde a un modelo de xestión no que PSOE e BNG priorizan “proxectos sen contido fronte ás necesidades reais da veciñanza”. Carballas enumerou outros exemplos que, ao seu xuízo, evidencian esta tendencia: “Temos o coliving pechado e sen uso, o edificio Impulso Verde infrautilizado, As Caldas sen ocupación real e un carril bici que apenas se utiliza”.