O PP denuncia o estado no que se atopan varios centros educativos de Lugo e demanda accións ao Goberno local
O Partido Popular acusa ao BNG de desatender o mantemento dos CEIPs, defende Javier Vázquez, que di que “o BNG retirou do pleno unha proposición sobre a falta de profesorado nun centro educativo de Lugo, que era unha falsidade”.
O popular tamén solicita que todas as peticións que lle trasladaron os equipos directivos nas visitas realizadas aos centros escolares nos meses de setembro e outubro se aborden no Consello Escolar Municipal que se vai celebrar esta semana.
O Partido Popular critica a “deixadez de funcións e a falta de planificación do BNG, a quen só lle preocupa traballar para facer oposición á Xunta en vez e traballar en cuestións que son da súa responsabilidade”.
Esta actitude, din, tivo e está a ter consecuencias directas para conciliar a moitas familias de Lugo: primeiro, foi a incerteza co comedor escolar, onde a dúas semanas do comezo curso, preto de 800 familias non sabían se poderían contar con este servizo; logo os retrasos na entrega dos vales aos escolares; e recentemente o conflicto laboral que afecta á gardería Gregorio Sánz.
Neste contexto, o Partido Popular fixo público un informe no que se revelan serios problemas de mantemento detectados durante as visitas realizadas nas últimas semanas aos colexios públicos de Lugo, que “poñen de manifesto unha grave falta de xestión e planificación”.
O concelleiro do PP explicou que todas as propostas recollidas se presentarán no Consello Escolar Municipal que se celebra esta semana para axilizar as solucións e poñerse a traballar en firme para solucionar as deficiencias crónicas como humidades, pingueiras, ou o mal estado das instalación, “senón tamén da inacción do goberno local en atallar estes problemas”.
Máis problemas
Outra cuestións é a da falta de conserxes en tres centros educativos: no CEIP As Mercedes, no CEIP Casás e no CEIP Illa Verde, “o que inflúe en cuestións básicas de mantamento dos colexios. Esta situación, que nalgúns casos arrastran dende hai meses, é inaceptable e provoca inconvenientes aos equipos directivos”, explica Javier Vázquez, que sinalou que a “deficiente cobertura de baixas e xubilacións, son froito unha alarmante falta de previsión por parte do goberno local”.
As necesidades dos colexios “son peticións recorrentes ano tras ano”, matizaba Javier Vázquez. Nese caso está a demandada beirarrúa da rúa Virxe da Soidade, que dá acceso ao Colexio das Gándaras. Vazquez puntualizaba que “é inaceptable que teñan gardado no caixón o proxecto para facer esta beirarrúa que permitiría acceder de forma segura a este centro educativo”.
Outro dos problemas co que se atopan os directores dos centros ten que ver coa deficiente comunicación, xa que “lles resulta complicado contactar cos responsables de educación e, ao non recibir resposta, moitos dos problemas de mantemento que teñen acaban cronificándose”.
Finalmente, Javier Vázquez lamentou o voto en contra por parte do BNG e PSOE á proposición presentada no mes de setembro na que se instaba ao goberno na elaboración dunha memoria de mantemento de inicio de curso, para analizar as necesidades de cada centro e establecer unha estratexia de actuación.