O PP denuncia o "mal estado" das piscinas das Pedreiras e pide solucións inmediatas

O grupo municipal popular de Lugo denunciou o malestar e as queixas das persoas usuarias das piscinas das Pedreiras polo estado de mantemento destas instalacións deportivas, moi utilizadas a diario. Segundo o PP, desde hai dúas semanas só dúas duchas funcionan correctamente debido á elevada temperatura da auga, algo claramente insuficiente para cubrir as necesidades dos bañistas.
A esta situación súmase unha goteira que cae directamente sobre o vaso da piscina, un problema que o grupo considera especialmente grave polos posibles danos á infraestrutura e polos riscos para os usuarios.
O concelleiro Damián Carballo, que comprobou a situación de primeira man, esixe unha actuación inmediata do concelleiro de Deportes e considera inaceptable que unha infraestrutura pública permaneza tanto tempo con incidencias desta magnitude sen solución nin comunicación transparente.
Carballo solicita a reparación urxente das duchas, o restablecemento do servizo en condicións seguras, a intervención inmediata para solucionar a goteira e información clara sobre as causas e prazos para resolver os problemas.
O PP tamén alerta de que o mantemento das instalacións deportivas municipais é deficiente en xeral, provocando un deterioro constante, especialmente nas próximas pistas de atletismo do Gregorio Pérez Rivera e no módulo cuberto. Denuncian, ademais, que o Goberno local privatizou o mantemento sen que o concelleiro de Deportes pareza interesado en garantir o correcto funcionamento da empresa adxudicataria.