O PP denuncia os posibles perigos do carril bici
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, avisa dos posibles perigos que presenta o carril bici que se está a facer pola cidade de Lugo.
Ameijide alerta de que "en canto se poña en servizo esta vía ciclista na Ronda do Carme o caos pode ser o gran protagonista por mor dos atascos que se poden xerar, sen esquecer o risco para condutores e acompañantes no acceso e baixada dos vehículos, sen olvidar os problemas para os ciclistas ao abrir directamente as portas dos acompañantes no carril bici".
O Popular explica que "este carril bici deseñouse en moitos treitos de dobre sentido, sendo un carril cun ancho total de 2 metros en moitas zonas, o que semella insuficiente xa que a maioría das bicicletas actuais contan con manillares de entre 68 e 80cm de ancho". “Vemos como poden xerarse situacións perigosas para os futuros usuarios ao confluír dous ciclistas xa que pasarán moi xustos, podendo producirse choques ou caídas”, sinalou.
"Este carril bici que, sen ser unha mala idea, naceu baixo un plantexamento erróneo xa que o proxecto xa sufriu varios cambios sobre a marcha”, lamentou.
O proxecto, que se licitou por 1.226.979,93€, contempla a eliminación de 336 prazas de estacionamento en 14 rúas da cidade (Paseo do Miño, Dona Urraca, Pintor López Guntín, Río Ulla, Rúa da Saúde, Rúa Azalea, Fonte dos Ranchos, Marqués de Ombreiro, Xermán Alonso, Rúa Orquídea, Rúa Ameneiro, Río Navia, Concepción Arenal e Frai Plácido Rei Lemos).
Novos servizos na Residencia
Antonio Ameijide pon de relieve "a perda de prazas de estacionamento que se producirá nunha zona como A Residencia, onde se perderán 322 prazas para aparcar, unha zona na que son e serán moi necesarias xa que alí se abrirá un centro de saúde, un PAC, unha residencia para persoas da terceira idade, unha oficina de emprego e un centro de emprendemento".