O PP denuncia que a Deputación de Lugo tardou en comunicar o arranxo dunha estrada en Guntín

O Partido Popular criticou ao goberno provincial pola súa tardanza de ano e medio en comunicar ao alcalde de Guntín, Ángel Pérez, o arranxo da estrada LU-P-2403, que conta cun treito de arredor de 30 metros no aire tras perder o seu asentamento.
Esta situación supón un grave risco para a seguridade viaria, especialmente tendo en conta que por esa vía circulan a diario numerosos vehículos pesados.
O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, e o propio alcalde de Guntín revisaron recentemente o estado da estrada e coincidiron en sinalar “o enorme risco” que representa. Ameijide aproveitou para insistir na “necesidade de mellorar de forma urxente o mantemento das estradas provinciais, xa que son un verdadeiro perigo para a seguridade dos seus usuarios”.
Pola súa parte, Ángel Pérez amosouse preocupado pola situación e reclamou unha solución inmediata: “Agardamos que se corrixa esta situación no menor tempo posible para garantir a seguridade de todos os veciños, xa que se trata dunha estrada moi empregada ao comunicar núcleos de poboación importantes como Lousada ou Grolos”.
O PP denuncia que esta é unha mostra máis da falta de planificación e resposta por parte do bipartito provincial, e alerta das consecuencias que podería ter un posible derrubamento nese treito da estrada, tanto para os usuarios como para a conectividade da zona.