O PP denuncia que a Gran Senda do Navia non é prioritaria para o Goberno central

Os senadores do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, criticaron a falta de compromiso do Goberno central coa Gran Senda do Navia. Segundo revelaron tras recibir unha resposta oficial do Executivo ás súa preguntas, o proxecto non figura entre as prioridades do Ministerio, o que motivou a presentación dunha proposta no Senado para instar á súa inclusión no programa de Caminos Naturales e garantir a execución das obras necesarias.
Esta senda peonil e cicloturista, que se estendería ao longo de 428 quilómetros polo río Navia, implica 16 concellos, sete lucenses e nove asturianos. Recentemente, estes municipios asinaron un convenio marco para impulsar a iniciativa. O alcalde das Nogais, Jesús Núñez, elixido un dos catro alcaldes comisionados como directiva, destacou a necesidade de concretar este proxecto, que leva oito anos en marcha. Ademais, subliñou que, malia ser competencia estatal, buscarase o apoio doutras administracións.
Os populares denuncian que, tras máis de sete anos de inacción por parte do Goberno de Pedro Sánchez, solicitaron oficialmente información sobre as previsións do Executivo para esta senda, considerada unha infraestrutura con impacto medioambiental, económico e social. Con todo, segundo Barreiro, a resposta do Ministerio foi "desoladora", xa que reitera que a Gran Senda do Navia non está entre as súa prioridades. En cambio, o Goberno dá preferencia á prolongación da Ruta do Cantábrico pola costa asturiana e cántabra, ademais da súa extensión pola vertente atlántica cara ás Rías Baixas.
Diante desta situación, os senadores do PP avanzaron que seguirán traballando desde o Senado para que este proxecto se faga realidade, e presentarán unha moción para esixirlle ao Ministerio a súa posta en marcha, aproveitando a maioría popular na Cámara Alta. Ademais, o Grupo Popular no Parlamento de Galicia tamén defenderá a iniciativa e promoverá un debate en Comisión para impulsar o proxecto.
Os populares consideran que esta resposta do Goberno central é unha mostra máis do seu desinterese por Lugo e pola potenciación do turismo sustentable na provincia, polo que insisten na necesidade de que a Gran Senda do Navia se converta nunha realidade canto antes.