O PP denuncia que “Lugo quedará fóra outros 9 anos máis" do Corredor Atlántico de Mercadorías

LugoXa
Os senadores populares defenden a inclusión de Lugo nesta infraestrutura de carácter estratéxico que constitúe un dos corredores que forman a Rede Transeuropea de Transporte
senadores-PP-Lugo-e-presidente-Cámara-Comercio
29 Dec 2024

Os senadores do PP lucense, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, aproveitaron unha visita do presidente da Cámara de Comercio de Lugo, Jaime López, á Cámara Alta, para trasladarlle a resposta do Goberno de Sánchez a unha pregunta dos populares en relación ao Corredor Atlántico de Mercadorías do que “Lugo quedará fóra, como mínimo, outros 9 anos máis porque a próxima revisión da configuración dos Corredores non está prevista ata o ano 2033”.

Os senadores populares defenden a inclusión de Lugo nesta infraestrutura de carácter estratéxico que constitúe un dos corredores que forman a Rede Transeuropea de Transporte. “Lugo é entrada e saída natural dende os portos da Coruña con Castela e León pasando por Monforte de Lemos”, segundo explican. Polo tanto, reivindican que “Lugo non pode quedar á marxe desta importante rede que conecta o noroeste europeo”.

Os populares lembran que “o Corredor Atlántico de Mercadorías tampouco accederá, por segundo ano consecutivo, aos fondos europeos porque o Goberno de Sánchez non foi capaz de captar financiamento europeo”. Isto supón “un novo freo a esta estrutura estratéxica no ámbito do transporte de mercancías ferroviarias. É unha pésima noticia para o avance das actuacións que inclúen a modernización da liña”, engaden.

Os senadores do PP lucense cren que “parece evidente que o Executivo que preside Pedro Sánchez non quere incorporar a liña ferroviaria que une Galicia co resto de Europa dentro dos plans estatais para o desenvolvemento das autovías ferroviarias e dos grandes nodos loxísticos de tren”.

Ademais, inciden en que “Lugo é tamén a única provincia e a única capital de provincia que queda fóra do AVE”. Polo tanto, censuran que “nin no ámbito do transporte de mercadorías, ni no de viaxeiros o Goberno Sánchez é capaz de tratar a veciños e empresas da nosa provincia en condicións de igualdade con outros territorios”.

0.1703770160675