O PP denuncia que o Goberno local de Lugo presenta menos investimento e máis gastos

O grupo municipal do PP de Lugo sinala que o Concello presenta unhas contas aparentes que non reflicten a realidade económica da cidade. O documento contable presentado na Comisión de Contas revela que o investimento diminuiu, hai máis gasto corrente e se empregan artificios contables para maquillar os resultados.
En concreto, existen 5,6 millóns de euros en obrigas pendentes de imputar ao orzamento, o que significa que PSOE e BNG seguen a realizar gastos sen a correspondente cobertura orzamentaria. Ademais, Intervención recolle 13,4 millóns en desviacións de financiamento positivas, procedentes principalmente de proxectos doutros exercicios, como máis de 7 millóns do programa DUSI, contabilizados agora pese a que as obrigas xa foran imputadas en anos anteriores.
Outro dato salientable é a caída do investimento, que se reduciu en 6,4 millóns de euros con respecto a 2023, pasando de 16,4 a só 10 millóns. Segundo os populares, isto tradúcese en menos obras, menores infraestruturas e menor resposta ás necesidades da veciñanza. A concelleira Mar Carballas afirmou que “o bipartito presenta unhas contas maquilladas que dan a impresión de mellora cando a realidade é moi distinta”.