O PP denuncia que o Goberno local prioriza cámaras de tráfico fronte á atención ás persoas dependentes

LugoXa
"Esta decisión resulta aínda máis incomprensible e alarmante se se ten en conta que Lugo conta actualmente con listas de espera no SAF", din
mans-anciá-maior
17 Jan 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo denuncia que o goberno local do PSOE e do BNG volve dar as costas ás persoas máis vulnerables ao desviar máis de 900.000 euros do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para financiar a instalación de cámaras de control de tráfico vinculadas á Zona de Baixas Emisións (ZBE) no casco histórico da cidade.

En concreto, o bipartito destina 901.981,25 euros procedentes do SAF á substitución dun sistema de cámaras que custou no seu día 253.744,99 euros, pero que nunca chegou a funcionar tras o período de probas. "Agora, lonxe de asumir responsabilidades por aquel fracaso, o goberno municipal propón un novo gasto de 1.253.245,76 euros para substituír esas cámaras", critican.

"Desde o PP de Lugo consideramos especialmente grave que estes máis de 900.000 euros se detraian do SAF previsto para o ano 2026, cando nin sequera existen orzamentos municipais aprobados para ese exercicio, o que deixa en evidencia cales son as verdadeiras prioridades do bipartito: non as persoas, senón a imposición das súas políticas ideolóxicas", explican.

"Esta decisión resulta aínda máis incomprensible e alarmante se se ten en conta que Lugo conta actualmente con listas de espera no SAF, con 5 persoas en grao III, 218 en grao II e 390 en grao I pendentes de recibir un servizo esencial para a súa calidade de vida e a das súas familias", engaden.

“A pregunta é clara: como pode o goberno local xustificar que se recorten fondos destinados á atención de persoas dependentes para dedicalos a cámaras de tráfico, cando ademais xa houbo un sistema de cámaras que nin sequera chegou a entrar en funcionamento?”, sinalan desde o Grupo Municipal do Partido Popular, que insisten en que “este bipartito demostra, unha vez máis, que as súas prioridades non están nas persoas, senón en proxectos ideolóxicos e propagandísticos”.

O Grupo Municipal do PP esixe ao goberno de PSOE e BNG que rectifique de inmediato, garanta unha financiación suficiente do SAF e deixe de utilizar os recursos destinados aos servizos sociais para cubrir o custo de decisións políticas erradas.

⚙ Configurar cookies
0.078577995300293