O PP denuncia quince anos de abandono na antiga escola de Labio por parte do Concello de Lugo

LugoXa
Elena Candia critica que a rehabilitación quedase a medias malia investir máis de medio millón de euros
Escola-Labio-Lugo
31 Aug 2025

A voceira do Partido Popular en Lugo, Elena Candia, sinalou que os problemas de abandono por parte do goberno local son unha constante, sendo a escola de Labio o exemplo máis evidente dunha obra inacabada e dun investimento perdido.

Os veciños desta parroquia levan xa quince anos agardando a que o Concello complete a rehabilitación do inmoble, un proxecto que o propio goberno municipal puxo en marcha e nunca concluíu.

As obras iniciáronse no ano 2009 a través dun obradoiro de emprego impulsado polo Concello de Lugo e financiado con fondos do Fondo Social Europeo, cun orzamento que superou o medio millón de euros. Ese plan contemplaba a restauración de dúas escolas, entre elas a da Airexe, en Labio.

No caso concreto desta última, o proxecto incluía a rehabilitación integral do edificio, chegando a derrubarse a planta superior. Porén, nunca se repuxo o teito, deixando a construción á intemperie desde 2010. Ademais, retiráranse as ventás orixinais, cun notable valor arquitectónico e patrimonial, das que non se volveu ter noticia.

Candia recalcou que a situación actual é de “abandono absoluto”, impropia dun ben incluído no Catálogo de Elementos do municipio, e advertiu de que carece de uso e protección algunha. A popular acusou ao Goberno local de desinteresarse polo patrimonio das parroquias e lembrou que, unha vez rematado o obradoiro, era responsabilidade do Concello culminar os traballos, algo que nunca se fixo.

⚙ Configurar cookies
0.2014148235321