O PP denuncia un sobrecusto do 60 % para os usuarios da residencia de maiores de Becerreá

LugoXa
Durante a xuntanza, os populares trasladaron a súa preocupación polos prezos estipulados para os futuros usuarios do centro
Reunión-PP-Becerreá
23 Mar 2025

Os deputados do Grupo Provincial Popular mantiveron un encontro en Becerreá con afiliados do Partido Popular e veciños do municipio para explicar os pasos dados desde a Deputación para acadar a apertura do centro de atención a maiores, así como para “garantir que os veciños de Becerreá e da comarca reciban o mesmo trato que o resto da provincia”.

Durante a xuntanza, os populares trasladaron a súa preocupación polos prezos estipulados para os futuros usuarios do centro, recollidos na memoria aprobada no pleno de febreiro (publicada no BOP do 7 de marzo), que establece un modelo de xestión privada con tarifas notablemente máis elevadas que noutros centros da rede provincial.

O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, denunciou que “PSOE e BNG insisten en crear veciños de primeira e de segunda na provincia”. Segundo detallou, un usuario dependente na rede de Centros de Atención a Maiores (CAMs) da Deputación paga actualmente 1.390 euros ao mes, mentres que en Becerreá o custo será de 2.200 euros mensuais polo mesmo servizo, o que supón un incremento de 810 euros ao mes, un 60% máis.

Ademais, o voceiro criticou que a residencia de Becerreá será xestionada por unha empresa privada baixo un sistema de concesión con canon cero, pero que, segundo recolle a memoria, prevé obter beneficios anuais netos de entre 220.000 e 357.000 euros, cun volume total de negocio estimado en 77.829.639,16 euros.

O voceiro popular repasou ante os asistentes todos os pasos dados nos últimos anos polo seu grupo para reclamar a apertura da residencia, ao tempo que reafirmou o compromiso do PP cunha atención ás persoas maiores pública, accesible e equitativa para todos os cidadáns da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.22605991363525