O PP destaca que os orzamentos da Xunta reforzan os servizos e melloran os barrios de Lugo

LugoXa
Pola súa parte, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, denuncia investimentos mínimos en infraestruturas, patrimonio, sanidade e servizos sociais e reclama compromisos reais para Lugo
Directiva-Protectora-PP-Lugo
21 Oct 2025

O Partido Popular de Lugo defende que os orzamentos da Xunta para 2026 reflicten unha aposta decidida por un Lugo que coida das persoas e crea oportunidades en todas as etapas da vida. A voceira popular, Elena Candia, subliñou que as contas autonómicas recollen un investimento global superior aos 360 millóns de euros, orientado a mellorar servizos públicos, apoiar ás familias e transformar os barrios da cidade.

Entre as actuacións máis destacadas figuran os 250.000 euros destinados á mellora e ampliación das instalacións da protectora de animais, así como un investimento de 75.000 euros para a construción dun parque canino en colaboración co Concello.

Tamén se inclúen partidas para reforzar a atención social e sanitaria, con 3 millóns de euros para o novo Centro Integral de Saúde Mental, 4,9 millóns para a residencia das Gándaras e preto dun millón para a residencia da Milagrosa. Ademais, increméntase un 41 % o investimento en bonos de dependencia, ata acadar os 9,9 millóns de euros, e mantense a tarxeta +65, que permite viaxar de balde a máis de 5.000 maiores do municipio.

A Xunta tamén destina fondos á conciliación e ao apoio familiar, con medidas como a gratuidade das escolas infantís —que beneficia a 1.300 nenos e nenas lucenses—, o Bono Concilia, o Bono de comedores escolares e a Tarxeta Xente Nova, que conta con 3.900 usuarios activos. No ámbito educativo, sobresae un investimento de 5,7 millóns de euros para a ampliación e mellora de centros como o IES Muralla Romana, o CEIP Plurilingüe de Nadela e o IES Lucus Augusti, ademais da renovación da acreditación de excelencia do Campus de Lugo, dotada con máis de 4 millóns.

No eido industrial e do emprego, a Xunta investirá 5,6 millóns de euros na ampliación do polígono das Gándaras e 2 millóns na transformación do espazo de Rozas en parque industrial, mentres que as políticas activas de emprego e formación suman máis de 11,5 millóns. O apoio aos autónomos e á economía social supera os 3,9 millóns de euros. Ademais, destínanse 570.000 euros á construción dun inmoble de aloxamentos temporais para menores de 36 anos en Illa Coelleira e continúase co desenvolvemento de proxectos residenciais que permitirán poñer en marcha ou planificar máis de 2.900 vivendas en distintas zonas da cidade.

Nos barrios, o orzamento céntrase en actuacións transformadoras. A intermodal de Lugo, cun investimento de 7,9 millóns de euros, modernizará o barrio da Estación, mentres que no Sagrado Corazón destínanse 1 millón de euros ao Plan Paradai e 600.000 ao novo centro de saúde, ademais de solo dispoñible para novas vivendas. Na Milagrosa, investiranse 2,18 millóns de euros na reforma integral do centro de saúde e preto dun millón na mellora da residencia de maiores.

A nivel ambiental e patrimonial, o orzamento contempla 4,7 millóns para o saneamento e abastecemento de Esperante, 500.000 euros para a conservación da Muralla Romana e 600.000 para actuacións na Catedral, ademais de novas iniciativas na Tinería e 2,7 millóns para a intervención no estadio Anxo Carro. Candia afirmou que estes investimentos “demostran que cando se inviste con sentido, os barrios de Lugo poden revitalizarse”, subliñando que a Xunta “está a apostar por un Lugo vivo, coidador e con futuro”.

VAORACIÓN DO ALCALDE DE LUGO

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, valorou de forma moi crítica o proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, asegurando que “o ritmo de investimento autonómico pretende someter a Lugo a un letargo económico e social, mantendo á nosa cidade nunha situación de desigualdade respecto a outros territorios galegos”. O rexedor destacou que, a pesar de coñecer as contas só a través dos medios, “o panorama inicial é desalentador: uns orzamentos con carencias evidentes e moitas promesas que ano tras ano quedan sen cumprir”.

Fernández denunciou que os orzamentos inclúen proxectos chave para Lugo con investimentos mínimos ou sen executar, como o enlace do parque empresarial das Gándaras coa A-6, o desdobramento do corredor Lugo–Sarria, ou a Rolda Este, para a que se presupostaron máis de 15 millóns sen avanzar en ningún trazado viable.

No ámbito do patrimonio e a cultura, o alcalde lamentou a ausencia de aposta real polo barrio da Tinería e cualificou de “ridículo” o compromiso da Xunta co Museo da Romanización, ao que só se destinan 500.000 euros, fronte aos 17 millóns anunciados para o Pazo de Lourizán.

En materia de sanidade, Fernández sinalou que os orzamentos non inclúen fondos para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón nin para o centro de persoas con Alzheimer, a pesar de que xa está dispoñible a parcela para a súa construción.

O rexedor tamén criticou os déficits históricos en servizos sociais, que afectan á atención sanitaria, á tramitación das axudas á dependencia e á cobertura das persoas maiores. “Será novamente o Concello quen teña que asumir competencias impropias con recursos propios pola falta de investimento autonómico”, afirmou.

Fernández concluíu asegurando que o Concello seguirá defendendo os intereses da cidade e reclamando á Xunta “máis investimento, máis compromiso e máis respecto”. “Lugo merece feitos, non titulares. Entre o dito e o feito segue habendo un gran treito. Necesitamos planificación, investimentos reais e proxectos que se executen”, destacou.

⚙ Configurar cookies
0.083824872970581