O PP di que a media de resolución de licenzas en abril foi de 455 días
Durante o mes de abril celebráronse 4 xuntas de goberno local (os días 5, 12, 19 e 26) xuntanzas nas que se resolveron 14 peticións de licenza, deixando a resolución media neste mes en 454,35 días. “Un dato que chama a atención é que na xunta de goberno do 12 de abril non se levou nin un so expediente de petición de licenza”, denuncian os populares.
Neste mes, a espera media para obter o primeiro informe por parte do servizo correspondente foi de 301,64 días.
Para os populares estes datos son moi preocupantes xa que só 1 das 14 licenzas resoltas en abril (6 peticións na zona urbana e 8 na zona rural) foi dentro do prazo legal de 90 días.
No mes de abril, os lucenses que pediron permiso para construír, rehabilitar ou facer obras de conservación ou reforma dunha vivenda dentro do ámbito urbano esperaron, de media, 242 días, mentres que nas parroquias do rural a espera media disparouse ata os 614 días.
Uns datos que veñen a confirmar as reiteradas denuncias realizadas polo Grupo Municipal Popular: “Lara Méndez é a principal responsable de bloquear a economía de Lugo”. Unha afirmación que se apoia en que en abril cada expediente resolto supuxo de media un investimento de 228.832,72€ (o investimento total foi de 2.517.159,89€ nestas 14 licenzas).
Os populares destacan que se multiplicamos este dato polos máis de 250 expedientes que Lara Méndez e Rubén Arroxo teñen parados en caixóns municipais “están a bloquear preto de 60 millóns de € de investimentos privados”.
Menos triunfalismo
Os concelleiros populares piden a Lara Méndez “menos triunfalismo” sobre todo despois de escoitar a semana pasada como “sacaban peito” da súa xestión á fronte de Urbanismo.
Insisten os populares en que “unha vez máis os datos son demoledores” sobre todo xa que despois de que pasaran oito concelleiros diferentes polo servizo de urbanismo; tras nomear a un coordinador para esta área e s de designar a un novo xefe de servizo. “A realidade é que hai moitos inversores que teñen marcado Lugo cunha liña vermella á hora de investir, polo que optan por localizacións próximas ao municipio para asentar as súas empresas”.