O PP di que non se aprecia ningunha infracción no proxecto industrial de Altri

LugoXa
“A Comisión Europea deixa claro que o procedemento se está a facer ben, tal e como defende o Goberno galego", di Candia
reunion-xunta-directiva-pp-provincia-lugo
10 sep 2024

O PP lucense analizou na reunión da súa xunta directiva presidida por Elena Candia a valoración da Comisión Europea sobre o proxecto industrial de Altri na provincia onde sinala que “non aprecia ningunha infracción” das directivas europeas sobre emisións industriais e de impacto ambiental. Polo tanto, “deixa en evidencia a un BNG que se opón á fábrica de fibras téxtiles que proxecta Altri en Palas de Rei en lugar de defender a implantación de proxectos que, respectando a normativa medioambiental, xeren emprego no noso territorio”.

“O proxecto industrial de Altri en Palas de Rei é clave para a provincia e conta co apoio do Partido Popular”, incidiron. Ademais, “a Comisión Europea deixa claro que o procedemento se está a facer ben, tal e como defende o Goberno galego: o proxecto estase a someter a unha tramitación que garanta o cumprimento da lexislación vixente, como debe ser”. Polo tanto, “non podemos máis que apoiar a implantación de actividades compatibles co respecto ao medio ambiente”.

Nese sentido, dende o PP de Lugo advirten do “alarmismo” do BNG en relación a este proxecto: “pretenden impoñer a súa ideoloxía por enriba dos criterios de técnicos independentes que están a analizar os informes”. Así mesmo, aclaran que “coa súa actitude demostran que non se opoñen só a un único proxecto, senón a calquera proxecto que xera oportunidades para o noso territorio e permita o desenvolvemento industrial e a creación de emprego na nosa provincia”. Esa mesma é a postura de Yolanda Díaz: “é incomprensible que a propia ministra de Traballo e galega se opoña radicalmente á creación de emprego en Galicia”.

 

0.20981907844543