O PP entrega máis de 1.500 sinaturas para reclamar máis seguridade no barrio da Milagrosa

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Elena Candia, presentou máis de 1.500 sinaturas recollidas entre a veciñanza da Milagrosa para demandar un barrio máis seguro. O acto tivo lugar ás portas do edificio administrativo da Ronda da Muralla, onde a representante popular estivo acompañada dun neno do barrio, simbolizando o futuro e as voces das familias que piden vivir con tranquilidade.
Ambos portaban carpetas coas sinaturas recollidas e vestían camisetas reivindicativas. A de Candia amosaba o lema “Por un barrio seguro” e a do menor, “Por un barrio con futuro”, mensaxes acompañadas do hashtag #EuApostoPolaMilagrosa.
Candia lembrou que os veciños levan tempo reclamando solucións fronte á presenza de locais con infraccións na Milagrosa e noutros puntos da cidade, sen obter resposta do Goberno municipal. Por iso, pediu ao executivo que “se tome en serio esta problemática e actúe dunha vez por todas”.
A voceira popular recordou que o PP xa formulou propostas concretas e viables, como a creación dunha oficina da Policía Local no barrio e o reforzo do cadro de persoal cubrindo as prazas vacantes. “Estas son medidas realistas, urxentes e perfectamente asumibles, que darían resposta a unha demanda xusta da veciñanza e mellorarían a seguridade non só na Milagrosa, senón tamén no conxunto da cidade”, concluíu Candia.