O PP esixe a apertura diaria e a accesibilidade dos vestiarios do 'Pacito'

LugoXa
O PP denunció que, a pesar de que de luns a venres hai equipos adestrando nas pistas, estes non poden empregar os vestiarios
Vestiarios-Pacito-pechados-entre-semana-PP
19 Feb 2025

O Partido Popular de Lugo reclamou ao Goberno local que os vestiarios dos Anexos do Pazo Provincial de Deportes, coñecido como 'Pacito', permanezan abertos todos os días da semana.

“Gastaron 236.000 euros en habilitar uns vestiarios que só se poden usar durante as fins de semana, negando o seu uso entre semana aos centos de nenos e nenas que adestran cada día no Pacito”, denunciou Antonio Ameijide.

O PP denunciou que, a pesar de que de luns a venres, entre as 16:00 e as 23:00 horas, hai equipos adestrando nas pistas, estes non poden empregar os vestiarios porque “PSOE e BNG decidiron que non teñen dereito a usalos entre semana e só os abren durante as fins de semana para as competicións oficiais”.

Para Ameijide, esta situación é “un verdadeiro despropósito”, xa que se está a negar o uso dunhas instalacións moi necesarias e demandadas pola cidadanía. Por iso, desde o PP continuarán reclamando a apertura diaria dos vestiarios para que “todos os nenos e nenas que acoden a adestrar teñan un espazo axeitado para cambiarse”.

Vestiarios sen accesibilidade

Ademais de esixir a súa apertura diaria, o PP tamén denunciou a falta de accesibilidade dos vestiarios, xa que as súas dimensións impiden o acceso dunha persoa en cadeira de rodas.

O PP lembrou que a normativa de accesibilidade esixe que as portas de acceso cumpran con certos requisitos para garantir a seguridade: un ángulo de apertura mínimo de 90º, un ancho de paso libre mínimo de 80 cm, sendo 100 cm o recomendable; un zócolo metálico na parte inferior da porta (aproximadamente 40 cm) para evitar roturas polo rozamento de cadeiras de rodas ou outros elementos de axuda e unha altura libre mínima de 220 cm no oco da porta.

Porén, os vestiarios do Pacito teñen portas de 74 cm de ancho, polo que non cumpren coa normativa vixente. “Investiron 236.000 euros en rehabilitalos e nin sequera foron capaces de cumprir coa normativa de accesibilidade”, criticou Ameijide.

0.18793106079102