O PP esixe a construción do centro de maiores en Portomarín

LugoXa
Ameijide explica que dende o Concello "cumpriu cos todos os seus compromisos", facilitando as parcelas oportunas, consignando as partidas orzamentarias necesarias
foto-centro-de-maiores-portomarin
16 Jan 2025

"Tanto PSOE como BNG á fronte do goberno provincial seguen a negarse a cumprir coa palabra dada e cos convenios asinados en materia de construción de centros de atención a maiores, sendo un exemplo desta falta de compromiso a situación na que se atopan o Concello de Portomarín e os seus veciños, que seguen agardando a que a Deputación de Lugo constrúa a residencia comprometida". Os deputados populares, Antonio Ameijide, José Ángel Santos e José Pardo, xunto ao alcalde de Portomarín, Pablo Rivas, e concelleiros expuxeron a situación na que se atopa o convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello de Portomarín en febreiro de 2023.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, lamenta “a falta de compromiso de José Tomé” con todos os veciños de Portomarín xa que “este tipo de dotacións non son un capricho, senón que se solicitan porque son necesarias e asinar un acordo de colaboración neste senso e non cumprilo xa di a talla de persoa que temos como presidente da Deputación”.

Por parte do Concello de Portomarín afirman que cumpriron coas súas obrigas, poñendo a disposicións os terreos oportunos para a construción do centro de atención a maiores, consignando a partida orzamentaria correspondente e concedendo a licenza municipal á Deputación para construír o edificio. “Ante a falta de compromiso de PSOE e BNG, o alcalde de Portomarín solicitou unha xuntanza con Tomé para avaliar a situación, pero dende o goberno provincial aínda non tiveron a ben responder a esta petición”, lamentou.

A paralización dos trámites necesarios por parte da Deputación de Lugo “é moi preocupante” sobre todo porque dende o Concello de Portomarín “cumpriron con todas as súas obrigas”.

Unha situación que se repite ao longo da provincia, como ocorre nos concellos de Folgoso do Courel, Becerreá, Guitiriz, A Pontenova, A Pobra do Brollón, Portomarín, Cervantes, Pantón, Ourol e O Saviñao.

Antonio Ameijide recorda que dende o Grupo Provincial Popular comezamos a finais do ano pasado unha liña de actuacións para esixir a PSOE e BNG o cumprimento dos acordos asinados e que comezan por levar ao pleno da Deputación e dos concellos afectados mocións para esixir ao goberno provincial “celeridade na execución das obras e na apertura destes centros para dar un servizo moi necesario na atención dos nosos maiores”.

De feito, na batería de 50 propostas que se presentaron dende o Grupo Provincial Popular ao goberno provincial para que as incorporasen aos orzamentos da Deputación para o vindeiro ano (cómpre recordar que PSOE e BNG rexeitaron aceptar estas medidas) xa figuraban:

  • Apertura inminente do centro de día e residencial comarcal en Becerreá, con partidas orzamentarias específicas para contratar o mobiliario e materiais para equipar o inmoble construído e contratar o persoal necesario para asegurar a prestación do servizo.
  • Axilizar e finalizar as obras de construción (en execución) dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Guitiriz, A Pontenova e A Pobra de Brollón.
  • Iniciar as obras de construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día nos concellos de Folgoso do Courel e Portomarín.
  • Redacción dos proxectos para a posterior construción dos centros de atención ás persoas maiores e centros de día comprometidos nos concellos de Cervantes, Ourol, Pantón e O Saviñao.

O voceiro provincial popular recorda que “seguiremos ao carón” dos veciños de todos estes municipios ata acadar a apertura dos centros comprometidos xa que “a realidade é que “o goberno provincial non prevé a apertura de novas residencias no 2025, nin das residencias en construción ni das que tiñan comprometido. Tampouco para a apertura do centro comarcal de Becerreá para o que non hai 1 euro” polo que “seguiremos reclamando a súa posta en marcha ata que sexa unha realidade”.

0.16381502151489