O PP esixe á Deputación que se limpen as parcelas nas que debería haber polígonos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Piden a BNG e PSOE que "cumpran coa lei de prevención de incendios"
ameijide-poligono-baralla-limpeza
Visita aos terreos do polígono de Baralla
24 Ago 2024

Os deputados provinciais do Grupo Popular, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, realizaron unha revisión de varias das zonas da provincia nas que consideran que a Deputación de Lugo debería de crear polígonos industriais, espazos comprometidos con varios concellos trala sinatura de varios convenios.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, recorda “a enorme necesidade que temos na provincia de Lugo de favorecer o asentamento de novas industrias e axudar ás existentes a medrar para acadar o crecemento económicos e asentamento de poboación".

"Obxectivos que semella non lles interesan nin a PSOE nin a BNG na Deputación de Lugo xa que seguen negándose a asumir os compromisos adquiridos para construír os polígonos industriais xa comprometidos nos diferentes concellos da provincia, como son os casos de Baralla, A Fonsagrada, Riotorto ou Triacastela, entre outros", engade.

“O impulso de iniciativas empresariais e a creación de emprego son clave para o asentamento da poboación na provincia e para isto é necesario dispoñer de solo industrial no que asentar empresas ou permitir o traslado ou ampliación das súas instalacións das empresas xa existentes que o precisen, unha tarefa na que o goberno provincial pode facer moito máis do que está a facer”, sinalou.

E mentres non se constrúen estes espazos industriais, o goberno provincial ignora o cumprimento das súas obrigas legais como son o mantemento das súas propiedades e, neste caso, “néganse a limpar estas parcelas, incumprindo así a lei de prevención de incendios forestais”.

Un exemplo desta abandono atopámolo en Baralla. “As parcelas levan anos sen limparse. Había un compromiso con este municipio, cos seus veciños e con toda a comarca para crear industria, emprego e riqueza e o único que lles achegaron PSOE e BNG non é máis que unha selva”, denunciou.

Ante esta situación, Antonio Ameijide pregunta a José Tomé “con que cara se lle esixe dende a Deputación a un particular que manteña as súas propiedades nunhas condicións mínimas mentres PSOE e BNG non fan o que esixen aos demais”.

Unha realidade que, por desgraza, é extensible ao resto de polígonos comprometidos.

SITUACIÓN DOS POLÍGONOS COMPROMETIDOS NA PROVINCIA

Dende o goberno provincial levan varios anos “sen ter o papel relevante que debería ter en canto ao impulso industrial e de xeración de emprego” xa que José Tomé, o PSOE e o BNG “non lle deron a importancia que merecen ás iniciativas que pretenden dotar de solo industrial ao territorio para favorecer o desenvolvemento industrial e económico e a calidade de vida dos veciños”.

Unha situación que os deputados do Grupo Provincial Popular tenta reverter, algo para o que xa defenderon no pleno varias iniciativas para que a Deputación de Lugo leve a cabo un plan de impulso dos polígonos industriais da súa titularidade na provincia con campañas de captación de investimentos a través da busca activa de empresas e emprendedores para o seu asentamento nestas áreas, o estudo de posibles bonificacións do prezo ou outros incentivos para a venda e, todo, en colaboración con outras entidades locais.

Cómpre recordar que na actualidade dos 29 polígonos comprometidos, unicamente 8 son unha realidade, mentres 21 municipio seguen agardando por estes necesarios espazos industriais.

Ademais, nos polígonos xa concluídos hai máis de 100 parcelas en venda dende hai moitos meses polo que “é necesario promocionalas e incluso dar bonificacións para que realmente sexan interesantes e así favorecer o asentamento empresarial”.

0.19613099098206