O PP esixe a Miguel Fernández que se opoña á construción no Rato como deputado provincial

LugoXa
“Queremos saber que postura defenderá Miguel Fernández no pleno da Deputación: a do alcalde, que xa se manifestou en contra, ou a do seu xefe político, José Tomé"
Paseo-do-Rato-PP
20 Jun 2025

O voceiro provincial do PP, Antonio Ameijide, volveu poñer o foco sobre o plan para urbanizar a contorna do Paseo do Rato e criticou que o presidente da Deputación, José Tomé, continúe adiante co proceso tras encargar e pagar 12.100 euros pola redacción do plan parcial para desenvolver urbanisticamente a zona.

O PP lamenta que este expediente levase 18 anos paralizado e que agora sexa precisamente o PSOE quen decida reactivalo desde a Deputación, impulsando o plan para edificar nun espazo que, segundo insisten, debería preservarse como zona verde.

Nese contexto, Ameijide lanzou unha pregunta directa ao tenente de alcalde de Lugo, Miguel Fernández, a quen interpelou polo seu papel como deputado provincial. “Queremos saber que postura defenderá no pleno da Deputación: a do alcalde, que xa se manifestou en contra de construír no Rato, ou a do seu xefe político, José Tomé, que está impulsando o plan para urbanizar esa zona”, declarou. Segundo o PP, Fernández ten agora a oportunidade de demostrar “se vai ter o valor de manter a mesma postura como deputado provincial votando en contra do plan parcial”.

Ameijide subliñou que “a realidade é clara: Miguel Fernández pode evitar que se constrúa no Rato co seu voto, só ten que votar en contra de seguir adiante co plan encargado por Tomé”. Lembrou ademais que en dezaoito anos de goberno de PSOE e BNG na Deputación non se construíu “nin un só metro de novas zonas verdes” en Lugo, fronte á contribución dos gobernos do PP, que “fixeron realidade o Paseo do Rato e o do Miño”. Afirmou tamén que os populares continuarán ao carón dos veciños “defendendo as súas reivindicacións ata garantir que esta zona verde se conserve e non se edifique nela”.

⚙ Configurar cookies
0.16584587097168