O PP esixe a Tomé explicacións sobre "a maior crise de Goberno na Deputación"

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Antonio Ameijide reclama “un goberno xusto con todos os lucenses” á fronte da institución
_pleno-deputacion-ausencia-deputados-psoe
25 Jun 2025

“Xa pasaron 24 horas do inicio da crise de goberno máis importante da historia da Deputación de Lugo e José Tomé segue agochado”. Así de contundente se amosou o voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, criticando “o silencio” que onte mantivo o presidente da Deputación e que hoxe sigue vixente.

Antonio Ameijide afirma que “José Tomé ten que dar explicacións porque todos os lucenses as merecemos”. “Temos dereito a coñecer que motivou esta crise porque seguimos sen saber por que tres deputados de goberno non acudiron ao pleno e, o máis importante, canto nos vai a custar aos lucenses a posible reconciliación dos socialistas”, preguntou.

Para Antonio Ameijide o silencio de José Tomé “é un indicativo máis” de que tanto “PSOE como BNG só se moven por intereses persoais e nunca mirando polo ben dos veciños da provincia”.

Antonio Ameijide tamén reafirma a idea que se vén denunciando dende o comezo deste mandato, “o municipalismo de amiguetes” do que José Tomé fai gala. No pleno de onte comprobouse “non todos os socialistas concordan” con Tomé xa que “non é capaz nin de asegurar que o apoio do seu goberno e que asistan aos plenos provinciais”.

Os deputados populares recordan como este municipalismo de amiguetes consiste en que José Tomé reparte convenios a dedo (vía xunta de goberno e por decreto de presidencia) “unicamente para concellos gobernados por PSOE e BNG”, e dentro deses concellos “só mira para aqueles con alcaldes afíns, ignorando tamén a municipios gobernados por socialistas”.

“Dese municipalismo de amiguetes chegaron estes lodos e o que está a provocar o sectarismo e a soberbia de José Tomé e que os danos os acabamos pagando todos os lucenses”, criticou.

Ante esta situación, Antonio Ameijide reclama “un goberno xusto con todos os lucenses” á fronte da Deputación provincial “e está máis que claro que con José Tomé, o PSOE e o BNG á fronte non é posible”.

“O sectarismo e a soberbia de José Tomé convertérono no presidente máis illado da historia da Deputación de Lugo, un presidente solitario e sen apoios que, polo ben de todos os lucenses, debería de facerse a un lado”, ao que engade que “Tomé sempre di que veu a instaurar un ciclo de unidade e tranquilidade na Deputación pero os feitos desmenten as súas palabras, as dun presidente que pretende dar leccións aos demais cando non ten consellos nin para si mesmo”.

⚙ Configurar cookies
0.15737915039062