O PP esixe ao Concello a limpeza urxente do lixo acumulado en San Lázaro

LugoXa
Desde o PP insisten en que non se trata dun problema estético, senón dunha cuestión de seguridade, que afecta tanto a bens como a persoas
lixo-saneamento-de-San-Lázaro
22 Apr 2025

O Partido Popular de Lugo reclama ao Concello que acometa de maneira inmediata a retirada dos residuos acumulados na contorna do aliviadoiro de saneamento de San Lázaro, situado na unión da Calzada da Ponte coa Nacional VI.

Segundo denuncian os populares, tras as fortes choivas rexistradas hai once días, a zona continúa sen limpar, mantendo unha importante acumulación de toalliñas, compresas e outros materiais que saíron polo aliviadoiro durante o desbordamento.

Os concelleiros do PP cualifican a situación de “insulto á intelixencia”, especialmente despois de que o alcalde anunciara hoxe unha análise dos puntos sensibles do saneamento, cando —lembra o grupo popular— leva desde 2015 con responsabilidades na área de medio ambiente. "Non necesitamos máis análises, necesitamos accións concretas", afirman.

Desde o PP insisten en que non se trata dun problema estético, senón dunha cuestión de seguridade, que afecta tanto a bens como a persoas, polo que consideran que debería ser unha prioridade para o goberno local. Critican tamén que o rexedor votase en contra de iniciativas populares destinadas a identificar e solucionar zonas con risco de acumulación de augas en episodios de choivas intensas.

A formación denuncia ademais o estado intransitable do firme da zona afectada, que prexudica gravemente a mobilidade dos veciños. A situación vese agravada pola proximidade dun establecemento de hostalaría, que tamén se ve afectado polo abandono da contorna.

Por último, o PP solicita que se acometan traballos de reparación nos desperfectos do acceso pavimentado, que segue en mal estado desde as inundacións. “A cidadanía merece respostas e actuacións reais, non promesas baleiras nin anuncios oportunistas”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.17162108421326