O PP esixe ao Concello e á Deputación de Lugo aclarar os seus plans no barrio de Paradai

LugoXa
Desde o PP aseguraron poñerse, unha vez máis, ao dispor dos veciños e lembraron que xa solicitaron o acceso ao plan parcial que o goberno bipartito ten previsto presentar
reunión-PP-veciños-de-Paradai-Lugo
7 Jun 2025

O Partido Popular de Lugo vén de instar ao Goberno local de lugo a aclarar cales son os seus plans urbanísticos para o entorno do parque do Rato, no barrio de Paradai. Así o manifestaron Elena Candia e Antonio Ameijide tras manter unha xuntanza con representantes da asociación veciñal da zona, aos que explicaron que o goberno provincial xa encargou, rematou e pagou o plan parcial para o desenvolvemento urbanístico da área.

Ameijide indicou que, unha vez que ese documento está listo, "correspóndelles ao Goberno dicirlle á veciñanza que queren facer". Insistiu en que agora son os gobernos de ambas formacións, tanto na Deputación como no Concello, os que teñen nas súas mans a decisión de optar por preservar unha zona verde ou permitir a edificación, aclarando en que puntos se faría.

Desde o PP aseguraron poñerse, unha vez máis, ao dispor dos veciños e lembraron que xa solicitaron o acceso ao plan parcial que o goberno bipartito ten previsto presentar. Ameijide denunciou que nin o presidente da Deputación nin o alcalde de Lugo queren facer público o contido do documento.

Pola súa banda, Elena Candia afirmou que "PSOE e BNG teñen unha oportunidade de ouro en Paradai", e subliñou que, se verdadeiramente queren impedir que se constrúa, deben buscar a fórmula legal para rescindir os acordos urbanísticos asinados anteriormente e devolver os cartos percibidos, tralo paso de 18 anos sen avances reais, declarando toda a zona como espazo verde.

Os populares recordaron que o pasado 20 de novembro de 2024, José Tomé asinou un decreto que autorizaba o pago de 12.100 euros para a contratación dunha arquitecta coa finalidade de adaptar os documentos do plan parcial S-13R ás esixencias do Concello e á nova lexislación. A xuízo do PP, isto evidencia que o goberno provincial, no que tamén está integrado o alcalde de Lugo, está a favor de construír en Paradai. “Só falta saber onde e como”, sentenciaron.

⚙ Configurar cookies
0.17630195617676