O PP esixe ao Goberno central axudas ante o traslado de 120 migrantes a Monterroso
Os deputados populares -Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades- piden dende o Congreso explicacións sobre a xestión do Goberno de Sánchez no traslado de 120 migrantes ao municipio lucense de Monterroso, toda vez que “o Estado non ofreceu ningún tipo de información oficial ao Concello”. De feito, “o goberno local tivo coñecemento de que está previsto para o 29 de agosto a chegada ao municipio de 120 inmigrantes fuxidos da guerra de Mali da man dunha ONG”.
Os deputados populares preguntan, polo tanto, ao Goberno dende que data tiñan coñecemento a Delegación en Galicia e a Subdelegación de Lugo da chegada destes migrantes. E se o Goberno facilitou ou ten previsto facilitar algún tipo de axuda económica, material ou persoal ao Concello de Monterroso para facer fronte ao custe que supón a chegada e prolongada estancia dun número tan amplo de persoas, tendo en conta que “Monterroso é un pequeno municipio de 3.593 habitantes e o Concello dispón dun orzamento de apenas 3 millóns de euros”.
Os populares esixen coñecer o criterio mediante o que foi seleccionada esta localidade e cales son os criterios que segue o Goberno para o reparto de migrantes nos distintos concellos de España. E tamén preguntan se o Goberno ten previsto trasladar nun futuro inmediato máis migrantes a este ou outro municipio da provincia de Lugo.
Os deputados do PP lucense tamén piden explicacións sobre o número de migrantes trasladados a Galicia nos últimos 10 anos -por provincias e anos- e cantos foron trasladados no que vai de ano a municipios cataláns -por concellos e meses- “para aclarar se Cataluña dispón ou non dun trato diferente”; xa que “o acordo de investidura incluía que non se enviaran migrantes a Cataluña”.